SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindica unha saída “xusta” á crise de prezos para o que reclama aos gobernos “medidas valentes”, tanto “a curto prazo como estruturais”, que actúen en defensa das maiorías sociais e non á contra, como as que se están tomando.
Así, e co nivel de prezos máis alto en corenta anos, considerou “inxusta e antisocial” a suba dos tipos de interese que, para 2023, pode chegar a encarecer a hipoteca unha media de 200 euros ao mes, afogando aínda máis ás familias ante unha banca que sigue obtendo beneficios récord -un 33% máis de ganancias no que vai de ano-, cando aínda non devolveu os 90.000 millóns de euros de rescate, ou ante un lobby eléctrico que tamén “continúa forrándose nesta crise”.
A isto sumou uns orzamentos “insolventes e insolidarios” do Goberno do PP para 2023 que, neste contexto de crise e lonxe de atender as necesidades da maioría, incorporan un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros para as 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, mentres miles de galegos e galegas afrontan serias dificultades para chegar a fin de mes.
“É o momento de salvar ás persoas, non á banca, ás eléctricas ou ás grandes fortunas”, alegou na presentación en Vigo da campaña Contra a crise de prezos, hai alternativa que o BNG está a desenvolver por todo o País e que concluirá o próximo 18 de decembro cunha manifestación en Santiago para reclamar precisamente medidas que posibiliten unha saída xusta e digna á crise.
Nesta liña, a líder nacionalista defendeu as propostas do Bloque no actual contexto económico, cunha alternativa fiscal “valente e xusta” ao pelotazo para millonarios do PP, que pasa por “facer que pague máis, quen máis ten”, subíndolle os impostos ás eléctricas e ás grandes fortunas para recadar 180 millóns de euros. De igual xeito, avogou por crear un Fondo de rescate hipotecario destinado ás persoas con ingresos inferiores ao salario medio estatal -26.832 euros ano brutos-, e que se vexan obrigadas a destinar máis do 30% a pagar o crédito da súa vivenda habitual. Un fondo que a Xunta debe negociar co sector financeiro pois é este o que debe aportar o 75% do financiamento “para devolver o que a sociedade lle deu co rescate da anterior crise” e que, na práctica, supón que a banca asumiría a subida de tipos por riba do 1,5% nas hipotecas destinadas á vivenda habitual das familias con rendas medias e baixas.
Hai alternativas
“Si, hai alternativas”, resumiu, para recalcar a continuación que “non se poden repetir os erros de 2009” e que esta crise, -que non responde a un aumento da demanda, senón que se sitúa nun contexto de transformacións de fondo a nivel internacional-, non pode levarse por diante a miles de familias como aconteceu na anterior.
Pontón apuntou que, en Galiza, estes fenómenos globais tamén se dan coa “concentración de riqueza en poucas mans”, a maioría alleas ao País e situadas territorialmente, sobre todo, en Madrid, que continúa absorbendo investimentos e poboación. “Polo que se albisca, preténdense reforzar aínda máis esas tendencias tan nocivas e desfavorábeis para Galiza e as súas clases populares”, indicou, para concluír que “temos que actuar contra este duro pau da inflación que se ensaña con quen menos ten e que vai aumentar as desigualdades sociais e territoriais”.
Nesta liña tamén se pronunciou o portavoz municipal e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen urxiu respostas diante da situación de emerxencia social que atravesa a cidade e que está a verse agudizada polo agravamento da crise e a carestía da vida. Neste sentido, denunciou o perigoso aumento do empobrecemento e a pobreza en Vigo, que se alargou por volta dun 10% apenas nos seis primeiros meses deste ano, nunha cidade na que xa hai máis de 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza e máis de 20.000 no desemprego.
“O futuro de Vigo pasa por unha decidida iniciativa pública que nos permita poñer fin ao devalar industrial e que nos volva situar como o pulmón produtivo de Galiza, blindando o futuro de actividades estratéxicas como o naval e a automoción e poñendo en marcha as enormes potencialidades na innovación”, afirmou o portavoz municipal nacionalista. Igrexas avogou por despregar con urxencia medidas para atender a situación límite que atravesan un cada vez maior número de fogares na cidade. “Diante da insuficiencia das políticas do Goberno español e da total deserción da Xunta na maior cidade de Galiza, é claro que o Concello de Vigo, cun orzamento municipal que xa roza os 400 millóns de euros, pode e debe facer máis para protexer os sectores máis vulnerábeis”, concluíu. Departamento de comunicación