SANTIAGO DE COMPOSTELA | No Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, a portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a necesidade de dotar de máis recursos, máis orzamentos e máis dereitos a loita contra a violencia machista, fronte á que instou a manterse fortes e non dar “nin un paso atrás”. Así o afirmou durante a presentación da campaña do BNG con motivo deste 25N, Fortes contra a violencia machista, que chama a empoderar as mulleres e enfrontar con determinación “a violencia machista que insulta, golpea, viola e mesmo mata ás mulleres polo simple feito de selo”, pero tamén a non “baixar a garda” ante o machismo.
“Nin un paso atrás ante o discurso negacionista da extrema dereita, coa que o Partido Popular pacta e vai do ganchete”, advertiu Pontón, quen criticou o “carroñerismo político” no que están instalados os populares, utilizando “dunha maneira indecente” a dor das vítimas para facer campaña contra a Lei do si é si que considerou “un avance na defensa dos dereitos das mulleres” e que evitará que se volvan repetir sentenzas como a da Manada.
Nesta deriva dun Partido Popular “desnortado, que é un freo para o avance das mulleres”, a líder nacionalista tachou de “impresentable” a campaña da Xunta neste 25N por “responsabilizar ás mulleres da violencia machista en lugar de poñer o foco nos agresores”. “E ademais faino nunha campaña institucional, pagada con cartos públicos”, recalcou.
“É intolerable unha campaña do PP na que se nos di ás mulleres que somos irresponsables e que somos nós as que nos poñemos en risco de sufrir unha agresión ou unha violación se imos soas de noite pola rúa, se non vixiamos o que tomamos nunha discoteca ou se imos correr de noite en mallas”, recriminou para reclamar a continuación á Xunta que admita o erro, rectifique e retire unha campaña que segue nas Redes e segue difundíndose.
A portavoz do Bloque reprochou ao PP que recupere “valoracións claramente machistas” cun discurso que se supoñía estaba fóra das institucións e, neste contexto, insistiu na necesidade de manterse fortes fronte ao machismo e destinar máis medios e máis recursos para non dar “nin un paso atrás” na loita contra as violencias machistas. Neste sentido, recordou as propostas “claras e realistas” do BNG que, segundo subliñou, “só necesitan de vontade política” para ser postas en marcha e que pasan, en primeiro lugar, por ter máis presuposto, destinando o 1% do orzamento a este fin, o que permitirá contar con 120 millóns de euros, unha cifra que multiplica por seis a do Goberno do PP.
En segundo lugar, incrementar as axudas económicas ás vítimas da violencia machista, cando menos o IPC para evitar que perdan poder adquisitivo nesta crise. Como terceira proposta, crear xulgados específicos contra a violencia machista en Lugo, Ourense e Santiago e incrementar os medios dos Centros de Información ás Mulleres, que seguen sendo insuficientes. Por último, “e aínda que sexa triste ter que facelo”, Pontón reclamou o cumprimento da Lei galega de violencia de xénero que “o PP está incumprindo na súa integridade, empezando por que haxa atención psicolóxica na Atención Primaria para as vítimas de violencia machista”.
Ademais deste apoio psicolóxico, tamén pediu a formación da totalidade dos profesionais que están en contacto coas vítimas e o impulso da sensibilización, concienciación e educación en igualdade, “claves” para atacar as causas últimas da violencia machista que, segundo dixo, “non deixan de ser un sistema patriarcal”. En definitiva, “máis medios, máis sensibilización e unha aposta rotunda por que non permitamos dar nin un paso atrás na loita contra a violencia de xénero”, concluíu. Departamento de comunicación