MADRID | O Bloque Nacionalista Galego demanda a implantación do servizo de cercanías ferroviarias na área de Ferrol-A Coruña ante a inacción e a falta de diálogo entre o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza. Para a frente nacionalista é inadmisíbel que a previsión orzamentaria para 2023 do executivo estatal recolla investimentos en cinco zonas do Estado para implantar este servizo mais ningún na Galiza, a pesar de que existan rexións urbanas con máis densidade de poboación. Solicitan a copia dos proxectos sobre cercanías que afirma o Ministerio estar estudando, ademais do calendario e prazos da proposta.
A mediados de outubro, a Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, afirmaba que o Goberno do Estado estaba a estudar proxectos para implantar un servizo cercanías na Galiza como os que están implantando noutros territorios e comunidades. Mais, nesa mesma visita o pasado 17 de outubro, a Ministra sinalaba a falta de dispoñibilidade da Xunta para crear este servizo no eixo A Coruña-Ferrol. Pola banda do Goberno galego, a Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desmentía esta información ese mesmo día as acusacións da Ministra e sinalaba que non existira vontade por parte da Delegación do Goberno na Galiza para reunirse e falar sobre este tema.
Con todo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembra que a previsión orzamentaria do Goberno do Estado para 2023 contempla a implantación do servizo de cercanías en cinco puntos diferentes do Estado mais “non recolle ningún investimento significativo na liña ferroviaria que une A Coruña e Ferrol”. Cabe destacar que o proxecto de Orzamentos do Estado tampouco contempla fondos para construír a chamada variante de Betanzos, destinada a evitar o cambio de sentido da marcha na estación de Infesta.
“Existe unha falta de interese por parte do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza para implantar o servizo de proximidade ferroviaria nesta rexión urbana entre A Coruña e Ferrol” sinala Rego. O deputado nacionalista entende que, independentemente de quen for a Administración responsábel de que non se implante este servizo nunha das áreas máis puxantes da Galiza, existe unha falta de diálogo que non permite pór fin ao agravio e discriminación que sofre esta área.
De existiren estes informes anunciados polo Ministerio, o deputado solicita unha copia dos documentos, e que se fagan públicas as propostas concretas acompañadas dun aval técnico, así como o calendario ou os prazos que estabelece o executivo para implantar as cercanías na área da Coruña-Ferrol. “Este servizo permitiría mellorar e dinamizar a calidade do transporte e a mobilidade en todos os concellos da zona, por iso o BNG presentou unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para que o executivo implantara as cercanías ferroviarias nas principias cidades e as súas áreas de influencias mais, PSOE e UP decidiron votar en contra da proposta” explica o deputado nacionalista.
Iván Rivas, portavoz do BNG no Concello de Ferrol, sinala a necesidade de que a cidade conte cunha persoa á frente que estea comprometida coa execución destas infraestruturas e que demanden do Goberno do Estado as obrigas que ten coa cidade no canto de “crear cortinas de fume sobre a base de estudos repetidos e recorrentes co obxectivo de salvagardar as responsabilidades do Estado”. O portavoz municipal indicou, que cun investimento relativamente pequeno próximo aos 40 millóns de euros, poderiamos reducir o tempos de viaxe substancialmente e incrementar as frecuencias para mellorar de maneira significativa as conexións de saída de Ferrol.
Pola súa parte, o candidato á alcaldía do BNG na cidade da Coruña, Francisco Jorquera, denunciou o abandono da liña Ferrol-A Coruña, con características máis propias dos camiños de ferro de hai cen anos. “Mentres a previsión do executivo estatal é a de crear este servizo en cinco áreas con menos poboación que A Coruña-Ferrol vemos a pasividade e inacción do Goberno galego e dos gobernos municipais aquí. Hai que investir para darlle un servizo de proximidade a unha área e a unha poboación de 600.000 habitantes” reivindica Jorquera.
Ante a falta de interese do executivo central para resolver os problemas en materia ferroviaria que atravesa a Galiza e que sofren os milleiros de usuarios e usuarias no País, a frente nacionalista demanda a transferencia á Xunta de Galiza destas competencias, tal e como contempla o Estatuto de Autonomía. “Para mellorar e ampliar os servizos en materia ferroviaria na Galiza, propomos a creación dun entre ferroviario propio, o GALTREN, que permita atender ás necesidades da cidadanía” explica o deputado nacionalista. Departamento de comunicación