El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

SOGAMA | EMPRESAS ADSCRITAS A ASPLARSEM

Máis de 30 empresas de España coñecen en Sogama as últimas tecnoloxías na sección de residuos de envases

30-11-2022 16:44:10
Visita de empresas adscritas a ASPLARSEM.

CERCEDA | Representantes de máis de 30 entidades de toda España adscritas á Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases Municipais -ASPLARSEM-, visitaron hoy o Complexo Medioambiental de Cerceda coa pretensión de coñecer, da man de Sogama, as últimas tecnoloxías na selección de residuos de envases. 

Con tal fin, realizaron un percorrido guiado polas plantas de selección de envases: por unha banda, a de clasificación dos materiais procedentes da bolsa amarela -PCLAS- (envases de plástico, latas e briks) e, por outro, a de recuperación de materiais contidos na bolsa negra -PCM-, onde Sogama consegue separar ata 11 tipoloxías de residuos susceptibles de ser reciclados.  


Velando por unha reciclaxe de calidade  

Grazas á operativa da PCM, que incorpora tecnoloxía 4.0, Sogama achega máis cantidade de residuos á reciclaxe, se ben apunta a que unha correcta selección en orixe por parte do cidadán e o posterior depósito dos materiais nos contedores axeitados, garantiría un maior e mellor reciclado. Neste sentido, todas as entidades que conforman a cadea de valor do residuo, coincidiron na importancia crave que ten a formación e concienciación da poboación na recollida selectiva.  

O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, explicou aos representantes das empresas asociadas a ASPLARSEM o servizo que esta Sociedade pública presta en Galicia, a infraestrutura industrial da que dispón para xestionar, de forma sostible, os refugallos municipais de 295 concellos, os seus proxectos corporativos actuais e de futuro, así coma o seu labor no campo da educación ambiental. 

A visita a Sogama enmárcase na xornada que este ano celebra ASPLARSEM en Galicia, e que arrincou onte baixo o lema “Produtividade, eficiencia e calidade da reciclaxe no ámbito da nova lexislación”, chegando hoxe ao seu fin coa entrega dos premios correspondentes á oitava edición do Concurso de IDEAS, a través do cal se promoven proxectos para a mellora dos procesos e a seguridade nas plantas de xestión de residuos de envases. Antes de concluír a visita a Sogama, Domínguez Lino fixo entrega ao vicepresidente de Asplarsem, Agustín Martínez de la Orden, dunha cerámica de artesanía galega co petroglifo que ata principios deste ano foi o aceno de identidade da compañía.  


ASPLARSEM 

A Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases de Residuos Municipais (ASPLARSEM) creouse en xaneiro do 2003 co obxectivo de compartir experiencias e coñecementos para mellorar o funcionamento das plantas de selección e recuperación de envases, o seu balance económico, así coma os índices de reciclaxe e recuperación.  

ASPLARSEM organiza cada ano unha xornada de formación nunha planta de tratamento de envases, que dirixe principalmente aos responsables das instalacións, de mantemento e técnicos, pretendendo con iso fomentar o intercambio de experiencias entre os profesionais do sector, difundir información de interese común e impulsar a innovación e a formación profesional continuada.Logo do parón obrigado pola pandemia, a entidade retoma estes encontros e faino na comunidade galega. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias