REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou que fortalecer o sector agrogandeiro galego é indispensable para fixar poboación no rural e garantir o seu desenvolvemento económico. Na visita que realizou á Semana Gandeira de Mazaricos felicitou ao alcalde nacionalista, Juan Blanco, e ao seu equipo de goberno, polo traballo que desenvolve na defensa dos sectores produtivos, entre os que destaca o sector leiteiro.
“Se non queremos que se siga producindo o despoboamento do rural é preciso aplicar políticas de apoio aos pequenos gandeiros, ás pequenas producións agrogandeiras, para que non se vexan obrigadas a abandonar a súa terra”, salientou a eurodeputada do Bloque, quen criticou que a causa das políticas desenvolvidas polo PP desde 2008 perdéronse en Galiza 1.046 explotacións lácteas, ao pasar das 13.182 explotacións que había en Galiza no ano 2008 ás 6.400 que hai aproximadamente na actualidade.
Neste contexto, Mazaricos conta con 177 explotacións leiteiras e produce 100.000 litros de leite diarios con destino á industria dos produtos lácteos. Estes datos fan de Mazaricos un dos municipios galegos con maior produción neste sector. “Non podemos permitir que as políticas do PP impidan este pulo económico”, sinalou Ana Miranda ao respecto, quen ademais criticou que desde 2009 Galiza perdeu 50.000 hectáreas de superficie agraria útil.
“O BNG de Mazaricos, co seu alcalde á cabeza, é un exemplo do bo facer nos Concellos galegos nos que gobernamos, e que alá onde imos fanos sentir orgullo de país”, salientou a eurodeputada do Bloque, quen fixo fincapé en que a PAC debe contemplar medidas que respecten a biodiversidade e garantan a protección do medio ambiente e que beneficien a Galiza.
Unha PAC máis xusta
Ao respecto criticou que a Política Agraria Común non beneficia a pequenos e medianos produtores “como debería”, xa que gran parte dos fondos da PAC se destinan ás grandes explotacións que fai que sexa unha distribución de fondos que perpetúa as desigualdades e os desequilibrios. Neste sentido reiterou o compromiso do BNG para que a PAC sexa máis xusta e serva realmente para facer unha distribución dos fondos máis xusta e garantir uns ingresos dignos para os agricultores nun momento tan complicado pola suba de prezos dos carburantes. Departamento de comunicación