El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso: "O despoboamento no rural e o cambio climático son os dous grandes retos a afrontar para acabar cos incendios forestais"

13-12-2022 18:00:52
Valentín González Formoso (i).

A CORUÑA | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou hoxe que “o despoboamento no rural e o cambio climático” son os dous grandes retos a enfrontar para acabar cos incendios forestais. Fíxoo durante a súa intervención no foro ‘La lacra de los incendios forestales’, organizado pola Deputación da Coruña xunto con Next Educación e a European Climate Fundation, que se celebrou no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Concello de Culleredo, e que foi inaugurado polo alcalde e deputado de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, o xonalista Manuel Campo Vidal e o propio Formoso. 

O presidente da Deputación cualificou a cifra de incendios do pasado verán, con máis de 46.000 hectáreas queimadas en Galicia, de “dramática” e chamou a “deixar de falar cunha terminoloxía baleira sobre os incendios”, facendo a alusión a que “o reto demográfico e o despoboamento do rural están en todos os programas electorais e no discurso de calquera político pero aterrar esa terminoloxía e esa preocupación é francamente difícil se non se está disposto a revolucionar o seu propio país”. 

“Non pode ser que en Galicia haxa unha superficie abandonada tan grande nun país tan produtivo e onde tanto talento, tanta xuventude que emigra de Galicia, podería non facelo se este país fose máis produtivo”, afirmou González Formoso, que cree que “hai que adoptar medidas valentes, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Goberno do Estado, todos e todas temos deberes”. 

O presidente provincial volveu a poñer enriba da mesa “medidas contundentes” como as relacionadas coa política fiscal, entendendo que “un imposto de sociedades ten que ter algún tipo de bonificación para aquel que aposta de verdade polo rural”, ou coas licitacións públicas “nas que as administracións deben primar con algún criterio a aquela empresa adxudicataria do servizo que decida prestalo desde o ámbito rural”, axudando a crear emprego e actividade. 

“Temos que pasar das palabras aos feitos”, expuxo Formoso que lembrou que “a Deputación ven de poñer en marcha na Capela a única oficina que hai en toda Galicia para apoiar aos concellos na xestión de fondos europeos”. “O lóxico é que estivese en Coruña, preto da Deputación, pero está nun pobo de 1.300 habitantes que se chama A Capela, e é unha decisión política”, aseverou. 

Ademais, tamén citou a nova oficina provincial ‘Acelera Pyme’ que apoia a transformación dixital dos concellos desde Ponteceso e fixo referencia ao servizo de Teleasistencia “que atende a 3.000 persoas de toda a provincia, maiores de 65 anos que viven en soidade nos seus domicilios, e que se presta desde unha nave situada nun polígono da cidade da Coruña. É algo que pode facerse en calquera pobo do rural..e así será”, afirmou. 

“Tomemos decisións, aínda hai marxe para facelo, pero sobre todo esixamos a quen ten que facelo que adopte decisións contundentes, non chega cunha convocatoria de axudas para cambiar un tellado nunha vivenda de rural”, salientou, explicando que “hai que comezar a lexislar tendo unha visión bifocal das cousas, non se poden adoptar decisións coa mentalidade do urbano para o rural, cada contorna e cada realidade son distintas polo que esixen normativas distintas”. 

O presidente rematou a súa intervención concluíndo que “os incendios resolveranse cando volvamos a producir no rural, cando a xente volva a vivir no rural, se somos capaces de garantirlle servizos como ter un centro de saúde preto, un colexio ao que levar aos seus fillos e fillas, ou un autobús que o transporte cara os centros públicos onde haxa outro tipo de prestacións máis completas”.  

“Se non o facemos, pasaremos a gastar o dobre en extinción, seguiremos perdendo poboación, o sector primario seguirá perdendo explotacións e o rural seguirá esmorecendo”, sostivo.  O foro ‘La lacra de los incendios forestales’, que estivo conducido polo xornalista Manuel Campo Vidal e no que tamén participou o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, incluíu, durante toda a xornada, diferentes relatorios. O primeiro foi sobre a importancia da transición ecolóxica para loitar contra os incendios e correu a cargo do enxeñeiro de Montes, Juan Picos. 

Tamén se deu voz aos territorios afectados por vagas de lumes deste verán, como Boiro e o Barco de Valdeorras, coas intervencións dos seus alcaldes, José Ramón Romero e Alfredo García, acompañados dun representante da ASC Bombeiros de Galicia e dunha asociación veciñal. 

Falouse das posibles solucións e da importancia da prevención e da loita contra o despoboamento fronte ao lume, cun coloquio no que participaron representantes dos principais medios de comunicación galegos. A xornada pechouse analizando o papel das institucións, que defenderon representantes das catro deputacións galegas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias