SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, critica a subida das peaxes da AP-9 que, aínda que inferior ao que reclamou inicialmente AUDASA, non é aceptable en plena crise de prezos, máxime cando estamos falando dunha autoestrada que está amortizadisima e que, senón fora polo Partido Popular, estaría ás portas de ser gratuíta para os galegos e galegas.
De feito, Pontón lembrou que onte mesmo o Pleno do Parlamento votou a favor dunha iniciativa do BNG en defensa dunha subida cero para as peaxes en 2023, “porque penalizaría o desenvolvemento económico e ás familias que xa están gravemente impactadas pola inflación”, alegou a líder nacionalista.
“Por iso, as peaxes non deberían subir o próximo ano, ademais de que debe terse en conta o agravio que vai sufrir Galiza no caso da AP-9 porque é unha infraestrutura máis que amortizada e que, senón fose pola ampliación decretada polo Goberno do PP con Aznar, este ano vindeiro teríamos unha vía libre de peaxes como o van ser as autoestradas da mesma xeración que a AP-9”, explicou Pontón.
Neste sentido, o Bloque reclama que non se suban as peaxes nin nesta autoestrada nin na AP-53, “porque estamos nun momento no que un incremento supón xerar máis problemas á maioría social e tamén ten repercusións negativas na economía”, conclúe. Departamento de comunicación