El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Ana Pontón: "Galiza necesita un cambio de rumbo urxente"

09-01-2023 14:58:02
Ana Pontón.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | Os principais indicadores económicos evidencian que Galiza está quedando atrás ante un goberno do PP sen impulso político, instalado na rutina, sen proxecto de futuro e incapaz de defender os intereses do País. Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, insta ao presidente da Xunta a convocar “de inmediato” o debate do estado da nación, para poñer alternativas sobre a mesa que permitan sacar Galiza adiante.  

A líder do BNG botou man dos datos para demostrar como Galiza non deixa de perder posicións: “Rematou o ano cunha inflación acumulada do 6,4%, máis dun punto por riba da media estatal, pese a que temos salarios por debaixo e as segundas pensións máis baixas; no referente ao mercado laboral, o paro baixou tres veces menos que no Estado e temos menos xente traballando que en 2009, ao que se engade a emigración de 200.000 mozos e mozas nos últimos anos”, enumerou a líder nacionalista. 

Seguindo cos datos económicos, citou o  índice de produción industrial, “que medrou un 2,2% no Estado mentres que en Galiza está en caída libre cunha baixada do -5,4%, ao tempo que o PIB aumentou un 4,4% mentres en Galiza se limitou a un 2,5%”. Pero non se trata só dos preocupantes datos que mostran unha economía galega que diverxe da media estatal, indicou a líder nacionalista, senón que tamén hai outros problemas de que inflúen directamente na calidade de vida dos galegos e das galegas, como o deterioro dos servizos públicos ou a crise demográfica.  

“O deterioro dos servizos públicos, sobre todo na sanidade, cunha atención primaria colapsada; temos un sistema de coidados das persoas maiores que non fixo máis que avanzar na privatización mantendo un modelo que fai negocio coa vellez; non hai medidas eficaces para frear a emigración de xente moza; continúa o despoboamento do rural sen ningunha medida real para paliar esta situación”, denunciou a portavoz nacional. 

Peores datos no económico, deterioro dos servizos públicos, problemas de fondo que se perpetúan e, a todo isto, hai que engadir o lastre dun Goberno do PP incapaz de defender o País, “nin ante Madrid, nin ante Bruxelas”, denunciou, “e aí está o fiasco dos fondos Next Generation, dos que Galiza non logrou financiamento para ningún proxecto estratéxico”.  

Este contexto no que a crise afecta máis a Galiza, cun profundo deterioro dos servizos públicos e cun Executivo incapaz de sacar adiante os intereses dos e das galegas, xustifican a demanda da líder do Bloque.  

“Todo isto motiva que lle solicitemos ao señor Rueda a convocatoria inmediata do debate do estado da nación porque Galiza necesita un cambio de rumbo urxente ante un Goberno do PP instalado na rutina, sen pulso político, sen proxecto, insolidario coa maioría social e incapaz de defender os intereses do País. O BNG ten alternativas para sacar Galiza adiante”, concluíu.


Enérxica condena contra a violencia

Pontón arrancou a súa comparecencia cunha enérxica condena da violencia de xénero, despois de que catro mulleres fosen asasinadas polo terrorismo machista en apenas 24 horas. “É unha situación que nos horroriza, non podemos baixar a garda e máis que nunca temos que combater os discursos negacionistas. E tampouco podemos escatimar en medios para  loitar contra o terrorismo machista, necesítanse máis orzamentos, máis recursos e máis educación en igualdade”, apuntou. 

A portavoz nacional do BNG tamén expresou o seu firme rexeitamento dos actos de violencia rexistrados contra alcaldes, tanto a sufrida polo alcalde da Illa de Arousa, a quen desexou unha pronta e total recuperación,  como polo rexedor de Vilanova. “Non teñen ningunha xustificación estes actos de violencia contra ninguén, nin contra a cidadanía,  nin  moito menos contra os seus representantes electos”, alegou. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias