REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha valoración do último dato de inflación que, unha vez máis, sitúa os prezos en Galiza por riba da media estatal, pese a ter salarios máis baixos e as segundas pensións máis baixas do Estado. Especialmente grave, indicou, é a evolución dos prezos de produtos básicos da cesta da compra: ovos (38%), aceite (35%), leite (34%), patacas (22%), azucre (63%).
A líder do BNG interpreta que esta subida por riba da media é un síntoma máis de que Galiza vai peor que o conxunto do Estado e un novo argumento para insistir na súa demanda ao presidente da Xunta de que convoque canto antes o debate do estado da nación.
“Porque temos problemas moi graves que precisan solucións e un debate en profundidade para poñer sobre a mesa alternativas ante esta crise de prezos”, explicou, “e non podemos ter un presidente pechado no despacho de San Caetano, facendo de recadeiro de Feijóo e desconectado da realidade dos galegos e das galegas. Que convoque o debate do estado da nación porque as cousas non van ben, porque hai moita xente que o está pasando mal, porque Galiza en problemas graves e hai que dar solucións”.
Un IPC do 6,4% impacta nas familias e en miles de galegos e de galegas que non chegan a fin de mes, e son xa moitos meses acumulados de subidas de prezos, alegou, ademais de que a inflación por riba da media está impactando nos sectores económicos.
“Pero o Goberno do PP sigue cruzado de brazos, incapaz de tomar decisións de peso para ofrecer alternativas que axuden a quen máis o precise, ao contrario, sigue vetando propostas que poden mellorar a vida da xente: como recuperar a tarxeta básica de alimentos, como a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz, como medidas para paliar os efectos da subida das hipotecas”, concluíu. Departamento de comunicación