SANTIAGO DE COMPOSTELA | Tras trece anos de privatizacións e recortes do PP, a sanidade pública atópase cunhas urxencias saturadas, baixas que non se cobren, PACs sen persoal médico, milleiros de persoas sen facultativo e milleiros de nenos e nenas sen pediatra asignado.
Nesta situación, a portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que a prioridade do BNG neste 2023 será defender á cidadanía “ante un goberno do Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas” e que, por riba, intenta culpabilizar ás persoas usuarias do sistema público de saúde. “Como se pode dicir que as urxencias baixan cando hai partido de fútbol? Ameaza a saúde da cidadanía e por riba fáltanlle ao respecto con declaracións que son intolerables”, destacou Pontón.
A líder do Bloque tamén foi moi crítica cun PP empeñado en botar balóns fora, buscar culpables e en negar a realidade. “Como se pode dicir que non hai problemas nas urxencias cando estamos cansos e cansas de ver os corredores dos hospitais e as salas de espera colapsadas coas persoas doentes agardando a ser atendidas ou a que se lles asigne unha cama, nunha imaxe terceiromundista, impropia dunha sociedade avanzada que ten que ofrecer uns servizos públicos de calidade”, argumentou.
Pontón avanzou que nesa defensa do sistema público de saúde, o BNG vai propoñer no Parlamento blindar por lei o financiamento da atención primaria até acadar as cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Igualmente, propón reverter os recortes empezando cun plan de choque de 200 millóns de euros para sacar primaria do abismo; a transferencia e planificación da formación MIR e a ampliación da carteira de servizos con novas especialidades como a de psicoloxía clínica, “tendo en conta que un 30% das consultas habituais teñen que ver coa saúde mental”.
A grave situación da sanidade está provocada por trece anos de recortes do PP para favorecer o negocio privado, de feito, só en atención primaria hai un caída acumulada do investimento de 2.300 millóns de euros, o que converte ao Goberno de Rueda nun terminator da sanidade pública.
A portavoz nacionalista seguirá dando a batalla a favor da sanidade pública tanto nas institucións como na rúa e, neste sentido, apoiará todas as mobilizacións que convoque a cidadanía en calquera punto do País, como a prevista para este xoves en Burela ou a organizada pola plataforma SOS Sanidade para o próximo 12 de febreiro, “porque o BNG está sempre do lado da xente e preparado para liderar un cambio de rumbo”, concluíu. Departamento de comunicación