SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que a proposta do presidente do Partido Popular ademais de “vella” é propia de quen cree que vai ter un mal resultado electoral nos comicios do 28 de maio e, por tanto, quere cambiar as regras do xogo.
“A sensación que da é que ao Partido Popular non lle dan as contas, cree que non lle vai ir ben nas próximas eleccións municipais e quere cambiar as regras de xogo”, destacou a líder do BNG a preguntas dos medios, quen tamén valora que a proposta de Feixóo amosa que o PP “ten un problema coa democracia, porque ós alcaldes e ás alcaldesas son elixidas polas corporacións municipais, un método perfectamente lexítimo, e o que pretende o PP e que goberne unha minoría e non unha maioría que elixe a cidadanía”, explicou.
“Non entendo lle molesta ao Partido Popular que gobernen as maiorías, supoño que o señor Feixóo está nervioso porque ve que o seu liderado fai augas e cree que nas municipais non lle vai ir ben”, argumentou.
Manifestación do 12F
A líder do Bloque trasladou o total apoio do BNG á manifestación en defensa da sanidade pública convocada para o 12 de febreiro en Santiago de Compostela, instando a participar a toda a cidadanía. “A mobilización social segue a ser unha poderosa arma de defensa dunha sanidade pública de calidade, fronte a un Goberno do PP que se ten convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, declarou.
Tras trece anos de recortes e privatizacións, o goberno do Partido Popular destina a atención primaria só o 14% do total do gasto sanitario, moi lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde.
Pontón tamén puxo sobre a mesa outros datos que demostran as consecuencias dos recortes e da privatización. Por exemplo, corrixido o efecto da inflación, o investimento en atención primaria previsto nos orzamentos de 2023 é 300.000 euros menos con respecto aos orzamentos de 2009, igualmente, segundo o último informe da Federación de Asociacións en defensa da sanidade pública, Galiza ten o terceiro gasto en atención primaria máis baixo de todo o Estado (188 euros) e, en materia de persoal médico, Galiza ten 0,84% médicxs por cada mil habitantes e 0,73% enfermeirxs por cada mil habitantes, “non chega nin a un facultativo ou persoal de enfermería por cada mil habitantes”, criticou.
Datos, recalca Pontón, que teñen a súa translación coa realidade que viven os galegos e as galegas cando precisan da sanidade pública: unhas urxencias saturadas, baixas que non se cobren, PACs sen persoal médico, propostas de pechar centros de saúde, propostas de que o persoal de enfermería substitúa ao persoal médico, a consolidación das listas de espera en atención primaria ou miles de nenos e nenas que non teñen pediatra asignado.
Fronte a iso, a estratexia do BNG pasa por “poñer máis investimento enriba da mesa para reverter a situación de recortes e privatizacións da sanidade pública, sen demora, porque está en xogo a vida da xente”, subliñou.
Pontón avanzou as alternativas propostas polo Bloque, que comezan por blindar por lei o financiamento da atención primaria até acadar as cifras recomendadas pola OMS. Igualmente propón máis recursos, cun plan de choque de 200 millóns de euros, a transferencia e planificación da formación MIR ou ampliación da carteira de servizos con novas especialidades como a de psicoloxía clínica.
A portavoz nacional fixo un chamamento á cidadanía para manifestarse pola defensa do seu dereito a unha sanidade pública de calidade, ademais de reiterar o compromiso do BNG para seguir traballando no Parlamento, nas institucións e na rúa, concluíu. Departamento de comunicación