BRUXELAS | Dada a situación do sector do marisqueo en Galiza, que está atravesando un momento tremendamente delicado dada a mortalidade dos bivalvos, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende que o FEMPA inclúa un plan de compensación que inclúa axudas para as mariscadoras durante o paro biolóxico necesario para a súa rexeneración.
“A mortalidade dos bivalvos nas rías de Vigo e de Arousa están provocando unha gran preocupación no sector do marisqueo en Galiza”, sinala Ana Miranda, quen traslada á Comisión Europea a necesidade de que no marco do Pacto Verde se deseñe un proxecto para a rexeneración do marisqueo cando este sexa afectado por diversos motivos.
Neste sentido, a eurodeputada nacionalista dá conta da preocupación do sector en Galiza pola situación actual provocada polo exceso de auga doce que ten a súa causa nas cinzas procedentes dos incendios, na contaminación e no baleirado dos encoros por desbordamento, de forma que, no caso da ría de Arousa, os sedimentos acaban no fondo da ría. “Este exceso de auga doce fai imprescindible un paro biolóxico das especies cultivadas que permitan a súa recuperación e que, segundo as mariscadoras, debería durar polo menos tres meses”, apunta.
Actuacións urxentes
Xa desde o BNG no Parlamento Galego, as deputadas Rosana Pérez e Carmela González e o deputado Dani Castro presentaron unha iniciativa para que o goberno galego leve a cabo unha avaliación das causas da baixa salinidade das augas das rías e das súas consecuencias sobre os bancos marisqueiros. O Bloque tamén defende a elaboración dunha regulación de desaugado e limpeza de encoros que impidan a afectación á salinidade das rías e aos bancos marisqueiros e que contemple sancións aos responsábeis e indemnización ás persoas e entidades atinxidas.
“É fundamental poñer en marcha actuacións para rexenerar os bancos marisqueiros afectados e para paliar a posíbel perda de ingresos do sector marisqueiro e das propias confrarías”, salienta a deputada do Bloque na Eurocámara. Departamento de comunicación