SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusou hoxe ao PP de “vampirizar” a sanidade pública coa intención de favorecer á privada, é por iso que chamou á cidadanía a que se mobilice para ter un sistema sanitario “de primeira división e non un de rexional preferente”.
O número un dos socialistas galegos puxo o foco nos problemas do sistema sanitario galego que comezan, para Formoso, polo “colapso na atención primaria” cunha espera de “entre 5 e 25 días para ver ao médico de cabeceira”. Isto deriva nunha saturación das urxencias hospitalarias, como denunciaron no día de onte os parlamentarios Noa Díaz e Julio Torrado no Hospital Clínico de Santiago, recorda.
Este “colapso” en cadea que evidenciou Formoso, leva a situacións como que “as salas de urxencias convértense nunha planta máis do hospital ao haber pacientes agardando ata 48 ou 72 horas por unha cama”, sendo “un escenario perigoso que temos que denunciar”, alertou.
Tamén falou dos problemas da pediatría, xa que encontra “intolerable” a situación moitas veces dada de que “cando un pai ou unha nai ten que levar ao seu fillo ao pediatra, moitas veces non está ou directamente non existe”.
Valentín González Formoso amosou unha especial preocupación polo que entende como unha “discriminación contra a muller” nun servizo básico como é a xinecoloxía, xa que a espera dun ano por unha cita que denunciou, “obriga ás mulleres a acudir a unha consulta privada”.
O legado de Feijóo
Sumando estas problemáticas expostas a outras máis similares en tódolos servizos que ten que ofrecer o sistema sanitario galego, Formoso acusou ao PP de “vampirizar” a sanidade pública, na procura de engordar á sanidade privada.
Ao fío do debate de Pedro Sánchez e Feijóo no senado, onde o presidente socialista fixo unha referencia ao balance da xestión sanitaria do líder do PP cando era o máximo dirixente da Xunta, Valentín González Formoso incidiu en que “o legado de Feijóo en Galicia é a vampirización da sanidade pública en favor da privada, que tradúcese nun deterioro da atención médica”.
O número un dos socialistas galegos, recordou que trataron de buscar alternativas para arranxar esta situación, “tras escoitar aos profesionais sanitarios e coñecer de primeira man as súas problemáticas, derivadas en gran parte polo maltrato laboral do Sergas”.
Polo que, dende o PSdeG trasladaron as súas propostas “como partido de goberno e serio” para “solucionar os problemas do piar fundamental do Estado de Benestar” pero non obtiveron resposta por parte do PP e da Xunta.
Ante esta actitude do executivo, chamou á mobilización da cidadanía para “non resignarse” e loitar por “ter unha sanidade de primeira división e non de rexional preferente”, polo que agarda que o 12 de febreiro en Santiago de Compostela, os galegos e galegas, expresen “as súas inquedanzas e a súa rabia” contra o “deterioro e o desmantelamento do seu sistema sanitario”.
Subida do salario mínimo interprofesional
Noutra orde de cousas, Valentín González Formoso tamén falou da suba dun 8% do Salario Mínimo Interprofesional que afecta a case 100.000 galegos e galegas. Esta medida súmase ás acumuladas durante os catro anos e medios dos socialistas na Moncloa, ata chegar a 344 euros de aumento.
Contrapuxo esta situación coa de cando gobernaba o PP, xa que entre 2011 e 2018 só aumentaron o salario mínimo en 94 euros, case catro veces menos que o goberno de Pedro Sánchez.
Para Formoso este é un exemplo de diferenza entre “cando goberna un partido sensible coa clase traballadora e que está ao lado de quen o precisa” en contraposición co Partido Popular que “está do lado das grandes empresas e as entidades bancarias con récord de ingresos”. Departamento de comunicación