SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para reclamar ao presidente da Xunta que pida perdón a galegos e galegas por poñer en risco a súa saúde tras trece anos de recortes e privatizacións, risco que se traduce nun deterioro da asistencia sanitaria.
“Pídalles perdón por ter que soportar listas de espera de até quince días para ver ao médico ou médica de cabeceira; pida perdón por ter PACs sen persoal médico, pida perdón por ter as urxencias saturas con esperas de até doce horas nos corredores dos hospitais; pida perdón por ter a miles de nenos e nenas sen pediatra asignado; pida perdón por ter a atención primaria colapsada; pida perdón pola deliberada falta de planificación da formación do persoal sanitario, pese a coñecer as xubilacións e pida perdón por un Goberno do PP convertido nun perigo para a saúde dos e das galegas”, demandou Pontón non seu cara a cara con Rueda.
A líder do BNG destacou que o deterioro asistencial non pode taparse nin con propaganda nin con prepotencia, “pois a cidadanía é perfectamente coñecedora porque o sofre en primeira persoa”, destacou Pontón, botando man do último barómetro sanitario que, con datos de 2019, recolle que o 76,5% dos galegos e das galegas prefire a sanidade pública fronte á privada cando en 2012 era do 80,5%.
“É dicir, que o Partido Popular está conseguindo que baixe a confianza na sanidade pública e que aumente a preferencia pola sanidade privada, un exitazo do PP, porque iso é exactamente o que pretenden: desprestixiar e deteriorar a sanidade pública con recortes, recortes e recortes para favorecer o negocio da privada. E cos datos na man é evidente que a súa estratexia está tendo efecto”, denunciou.
Unha derivación cara a privada que toma quen pode para sortear o deterioro da pública, “porque claro, se unha nai ten ao seu fillo enfermo e non ten pediatra asinado, unha de dúas, ou vai ás urxencias colapsadas do hospital ou, se pode pagalo, vai a privada. Se tes que facer un TAC ou unha resonancia e tardan meses en chamarte, se podes pagalo, vas a privada, porque a saúde é o primeiro”, argumentou a portavoz do Bloque.
A líder nacionalista replicoulle a Rueda que quen debe desculparse non é quen denuncia o deterioro da sanidade pública, senón que provoca esa situación poñendo en risco a saúde da cidadanía galega, e foi moi crítica co empeño do Goberno do PP en negar os recortes.
Neste sentido, puxo como exemplo a caída do investimento en atención primaria, cun recorte acumulado desde 2009 de 2.339 millóns de euros, cifra que sería aínda máis elevada actualizando a inflación. “Como non vai haber listas de espera para ver ao teu médico ou médica de cabeceira?”, interpelou a portavoz do Bloque, quen tamén destacou outra consecuencia dos recortes, “194 concellos están sen pediatra, o 62% do total”. Afondando en datos, tamén citou o estudo de outubro de 2022 do Instituto de Saúde Carlos III, que recolle para Galiza un aumento da mortalidade do 65% a respecto de 2021...
Dúas formas de facer política
“Hai dúas formas de facer política coa sanidade, a do PP, recortando no sistema público para beneficiar o negocio privado; e a do BNG, que defendemos un modelo do que saúde das persoas non dependa dos cartos que ten na túa conta bancaria. Esa é a diferencia entre o PP e o BNG”, concluíu Pontón, reclamándolle ao presidente da Xunta que empece a traballar para reverter os recortes en lugar de manterse na soberbia ante unha cidadanía que este 12 de febreiro volverá manifestarse en defensa da sanidade pública.
O BNG ven de facer público un manifesto dos seus alcaldes e alcaldesas de apoio á sanidade pública, no que se inclúe un decálogo de propostas. Empezando por un plan de choque de 200 M€ para sacar atención primaria do colapso; incremento progresivo do investimento en atención primaria até acadar o 25% do total do orzamento destinado á sanidade, como recomenda a OMS; plan de choque contras as listas de espera na atención hospitalaria.
Igualmente, dotar aos centros de saúde de novos servizos sanitarios, como psicoloxía clínica, tendo en conta que o 30% das consultas están relacionadas coa saúde mental; garantir a presenza dos equipos completos precisos en todos os PACs do País, atención pediátrica en todos os concellos; reabrir todos os consultorios pechados durante a pandemia; poñer en marcha un plan de retorno, captación e fidelización do persoal sanitario e dotar ao servizo de transporte sanitario urxente dos medios necesarios. Departamento de comunicación