SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG esixirá ao Goberno do PP no vindeiro Pleno do Parlamento que se cubran o 100% das axudas solicitadas polos produtores e produtoras en ecolóxico, a diferencia do que sucedeu en 2022 no que a metade de solicitudes quedaron excluídas.
A líder do Bloque cualificou á produción en ecolóxico como un feito “moi importante para este País”, destacando que é un modelo de produción que preserva o medio ambiente e xera alimentos de moita calidade, todo isto nun contexto de cambio climático. “Entendemos que Galiza, que é un País rico, ten moita capacidade para poder xerar alimentos de calidade, para poder crear emprego no rural, para poder coidar o noso territorio”, alegou.
Pontón fixo esta proposta nun encontro con representantes da Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico, que tivo lugar na explotación en ecolóxico Granxas de Lousada, no concello de Irixoa, onde anunciou que o BNG seguirá apoiando aos produtores e produtoras e ás persoas que viven e traballan no rural, “e que necesitan ter unha administración que sexa a súa aliada e non que traballe en contra dos seus intereses. Un encontro no que tamén participaron Xosé Luís Rivas e Carme Aira, portavoces de Medio Rural no Parlamento.
A portavoz nacional tildou de “incomprensible” a xestión dunha consellería de Medio Rural, “que cada ano deixa máis dun 20% de fondos sen executar pero que non esta mobilizando recursos para atender a uns produtores e produtoras que teñen dereito a un trato xusto”. Un Goberno do PP que, en vez de apoiar “ao cen por cen” ás persoas que apostan por producir no rural, deixa á metade dos produtores en ecolóxico fóra das axudas do ano 2022, unha xestión, remarcou, “que non é de recibo”.
Ademais, puxo o foco na difícil situación de moitas explotacións, “que contaban con eses recursos e que agora teñen unha situación moi complicada”, polo que o BNG reclamará a garantía de que o 100% de produtores e produtoras en ecolóxico teñan acceso a esas subvencións directas. “Temos capacidade para producir máis, non podemos ter un Goberno que pon paus nas rodas á xente que está apostando por producir no medio rural”, argumentou a líder do Bloque, quen apoiou expresamente un maior investimento para potenciar a produción de ecolóxico, na que Galiza está á cola.
“Neste momento o 5% da superficie agraria útil está en ecolóxico en Galiza, menos da metade que no conxunto do Estado e moi lonxe da planificación da Unión Europea, que aposta por chegar a un 25% da superficie agraria útil en ecolóxico”. “O Goberno do PP non só debe apostar por este sector, senón que ademais debería darlle consideración de estratéxico”, argumentou.
De feito, Pontón demandou apoiar ao sector “non só coas axudas directas, que tamén, senón tamén cun maior apoio á comercialización e distribución que permita que eses produtos cheguen aos consumidores, poñendo en valor a súa alta calidade e as súas vantaxes para a saúde das persoas”.
A portavoz nacional fixo referencia á recente pandemia que, entre outras leccións, deixou claro a necesidade de “producir máis aquí”, e insistiu na importancia dunha produción en ecolóxico que combata o abandono do medio rural, imprescindible para darlle futuro a Galiza. “Na produción en ecolóxico temos moita marxe de crecemento, hai moito que pode aportar, como a preservación do territorio, fixar emprego e fixar poboación fronte o despoboamento que se está rexistrando na actualidade”, concluíu. Departamento de comunicación