SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu a un acto simbólico no que o BNG quixo reivindicar a figura de Rosalía de Castro no día do seu aniversario, acto no que estivo acompañada por Goretti Sanmartín, portavoz municipal en Santiago e candidata á Alcaldía da cidade.
Neste Día de Rosalía, Pontón quixo lembrar a figura dunha muller “feminista, rebelde, defensora da nosa lingua e da nosa cultura, que reclamou un trato xusto para Galiza e que estaba convencida de que os galegos e as galegas somos un pobo que ten todo que gañar se confiamos e nós”.
“Rosalía é un símbolo da Galiza que quere construír o BNG e tamén o reflexo de como os galegos e as galegas nos queremos proxectar ante o mundo”, indicou a líder do Bloque, que debullou as tres propostas principais que sustentan esta iniciativa; a primeira delas é a declaración do 23 de febreiro como o Día Nacional de Rosalía; a segunda pasa por construír un Instituto Galego Rosalía de Castro para a internacionalización da lingua e da cultura galegas e, a terceira, incide en que Rosalía de Castro ten que ser principal símbolo da capital de Galiza.
Por iso, o BNG anunciou a posta en marcha do proxecto Compostela, cidade de Rosalía, unha iniciativa que nace da confianza na potencialidade inmensa e sen explotar da escritora e que se concreta nunha serie de iniciativas e de propostas ambiciosas que reforzarán á cidade de Santiago, proporcionándolle a posibilidade de ampliar a súa presenza no mundo cunha imaxe distinta.
“Con esta proposta que pon a Rosalía no centro conseguiremos que Compostela recupere o seu orgullo de cidade e que se posicione como unha capital cultural europea”, declarou Pontón, “converténdose en motivo de atracción como o son outras figuras similares noutras cidades do mundo”. Lembrando a pegada que Rosalía tivo no pasado e situándoa como unha oportunidade de futuro, a líder do Bloque concluíu engadindo que “o noso referente absoluto nacional e internacional ten que estar á vista, temos que presumir dela, mostrala e conseguir que se identifique con esta cidade capital galega e co noso país enteiro”.
O Teatro Principal da cidade, lugar do encontro desta mañá, é un dos espazos rosalianos de Santiago de Compostela, no que “unha Rosalía activa, intervencionista, rebelde, feliz e libre participou como actriz na representación do drama Antonio de Leiva, nunha función que se realizou a beneficio dos feridos da guerra de África”, explicou Goretti Sanmartín.
Así, aproveitou para anunciar que a partir do 28M o BNG desenvolverá un programa “para facer de Santiago un universo de Rosalía”, con múltiplas ramificacións, desde crear un edificio emblemático na cidade histórica con exposición permanente, performances ou recitais, até roteiros habituais continuados sobre os espazos que habitou en Santiago de Compostela e en Conxo, que até 1925 conformaba un concello independente.
Figura internacional
A iso engadiulle a posibilidade dun festival poético-musical, un foro de pensamento feminista e un concurso de persoas referentes do feminismo a nivel internacional ligado á figura de Rosalía de Castro, “ademais de residencias artísticas para persoas creadoras que poidan desenvolver aquí o seu proxecto, xunto con certames en colaboración coa Universidade de Santiago sobre o labor investigador e audiovisual, xa que estaba na vangarda daquela altura e queremos que entronque coa vixencia do que se fai na actualidade”.
Tamén aposta pola convocatoria de proxectos literarios, audiovisuais e de investigación, por promover iconografía rosaliana como cartelaría, postais, artesanía, con actividades expostas nos balcóns das casas e cos versos rosalianos nos pasos de peóns.
“Rosalía, para alén de ter o nome dun instituto e do aeroporto, debe ter unha presenza de actividades máis continuada en Santiago de Compostela”, explicou. Deste xeito, Goretti Sanmartín, que foi impulsora do Festival Rosalía cando era vicepresidenta e responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, incidiu na necesidade de que “Compostela sexa sede permanente deste evento e referente para o conxunto do país”. Departamento de comunicación