A CORUÑA | "As mulleres non queremos ter que estar continuamente discutindo a fenda salarial, non queremos ter que estar reclamando as duplas xornadas, hai que erradicalas e impedir que se diten leis que só serven aos intereses do capitalismo máis voraz” asegurou hoxe a deputada de Igualdade, María Muíño, durante a súa intervención no acto institucional con motivo do 8M.
Con este acto, a área de Igualdade da Deputación deu o pistoletazo de saída á campaña “É por ser muller”, coa que pon o foco en que, pola súa condición de xénero, as mulleres se están a facer cargo do ‘traballo reprodutivo’, que engloba o conxunto de traballos que sosteñen a vida diaria da sociedade: o traballo doméstico, mais tamén os servizos públicos de saúde, de educación, da dependencia, do socio-comunitario e da igualdade. Traballos precarizados ou non remunerados e que constitúen unha das grandes fendas de desigualdade por causa de xénero, segundo cifras que achegou a propia deputada:
.- A taxa de temporalidade feminina supera á masculina en 5,5 puntos.
.- 0 35% dos contratos temporais asinados por mulleres en 2022 tiveron unha duración inferior á unha semana (en 2021 fora do 28,3%).
.- A taxa de temporalidade feminina no sector público sitúase no 35%, aumentando un punto a respecto de 2021. No caso dos homes si se reduciu esa temporalidade.
.- O 77% das persoas traballadoras con contrato a xornada parcial son mulleres e, nunha porcentaxe moi elevada, a causa son os coidados.
.- O 53% das persoas afectadas por ERTES foron mulleres e a fenda de xénero sitúase no 18,6%, isto é, de media anualmente as mulleres gañamos uns 4.238 euros menos que os homes (datos da axencia tributaria).
.- Os ingresos salariais do 42,4% das mulleres non alcanza nin o Salario mínimo interprofesional·
.- En Galiza as mulleres desempregadas son o 52,9%.
.- A fenda de xénero nas pensións é do 34,1%.
“Son datos obxectivos, que non son opinables” asegurou María Muíño, e engadiu que “estou falando de estar discriminadas polo feito de ser mulleres e non pola falla de preparación, como vemos por exemplo como na xudicatura hai datos que indican que a maioría de xuízas son mulleres, o 56%, pero non así en postos de responsabilidade, onde nos tribunais superiores só representan o 39%, por non falar de fiscais xefes onde o 66% son homes”. "Estamos moi fartas de que todo o que teña a ver cos nosos dereitos sexa cuestionado, sexa obxecto dun enxame constante de opinións, descualificacións e argumentacións tendenciosas. Os datos están aí e fica claro que ou se lexisla e se fai que esas leis se cumpran ou o camiño da igualdade será moi complexo", engadiu a deputada.
A intervención de María Muíño foi seguida pola lectura da “Declaración Institucional do 8 de Marzo, Día Internacional polos dereitos das mulleres” aprobada na sesión plenaria do mes de febrerio. Na lectura participaron representantes de todos os grupos políticos da corporación: Alberte Lema en representación da Marea Atlántica, Izaskun García en representación do Partido Popular, Ana Lamas en representación do PSOE e deputada de Benestar Social, e Xosé Regueira en representación do BNG e vicepresidente da Deputación. O acto institucional tamén contou coa música do dúo “Fillas de Casandra” que achegaron ao vestíbulo da Deputación temas do seu traballo máis recente, baseados na re-lectura da historia das heroínas de textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea.
Un programa expandido
A programación do 8M da Deputación, como xa vén sen tradición nos últimos anos, é un programa que se expande ao longo do tempo, durante os meses de marzo e abril, e ao largo do territorio. Así, continuará con palestras, mesas de diálogo e espectáculos musicais na Coruña, Cambre, Betanzos, Ordes, Arzúa, Oroso, Carballo, Cabanas e Zas.
A primeira da citas desta programación expandida terá lugar na tarde do venres10 de marzo, das 16h ata as 19:30h, nas instalacións da AC Alexandre Bóveda. Comezará cunha palestra, baixo o título “Voces sobre o marco estrutural do mundo do traballo desde unha perspectiva feminista”, e nela participarán Laura Bugalho, especialista en intervención socioeducativa, sindicalista e activista trans feminista; Antía Pérez Caramés, profesora doutora en socioloxía na UDC, e estará moderada por Ana Lorenzo, socióloga e vinculada á economía social e alternativa desde a década de 1990.
Continuará cunha “conversa para dar voz á situación dos dereitos laborais en sectores feminizados”, encabezada por Marisol Gómez do SAF de Vilagarcía e por Ángeles Mille, secretaria da Asociación de Redeiras Profesionais O Fieital de Malpica representando a ANMUPESCA. Como moderadora intervirá Mariola Mourelo.
E rematará co espectáculo “O benquererse”, a cargo de AldaoLado, no que Lucía Aldao e María Lado abordan os temas dos coidados e a precariedade a través das súas propias vivencias persoais. Como vén sendo habitual nas súas propostas, mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres siguen atopando na vida pública e privada. Botando man do humor, falan do patriarcado, do feminismo, da discriminación de xénero, do concepto do amor romántico, do amor a unha mesma. Departamento de comunicación