A CORUÑA | A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cun nutrido grupo de mulleres autónomas que desenvolven a súa actividade en diferentes sectores, en particular no comercio, hostalería e servizos, coas que abordou a situación laboral específica dun colectivo de traballadoras especialmente afectadas pola precariedade, inestabilidade e fenda salarial e polas dificultades á hora de conciliar.
Por iso, a líder do BNG reclama un plan de igualdade paras as mulleres autónomas enfocado precisamente en dar solucións a esa problemática. “Un plan con medidas específicas que faciliten a conciliación familiar e profesional porque, se ben é unha cuestión complexa para a maior parte das traballadoras, aínda é máis para o colectivo de autónomas que saben cando empeza a súa xornada laboral pero non cando acaba”, argumentou a portavoz nacionalista, quen considera clave realizar un estudo das necesidades específicas deste colectivo en conciliación.
En relación á fenda salarial, o Bloque demanda do Goberno da Xunta medidas para corrixir as diferencias de ingresos entre homes e mulleres, que se agravan no caso das autónomas, “fenda salarial que provoca que as pensións que perciben sexan tamén máis baixas”, indicou Pontón. O plan de igualdade para as mulleres autónomas que reclama o BNG pon o foco na necesidade de aumentar o emprendemento feminino, -“neste momento as cifras revelan que non superan o 40% fronte a un 60% de homes”-, e a importancia de empoderar ás autónomas. Nesa dirección, apuntou a creación dunha Rede de mulleres profesionais que lles aporte visibilidade e apoio, “porque cada autónoma que non emprende é un emprego menos e riqueza que se deixa de crear”.
Igualmente, defende adaptar os programas municipais e da Xunta para promover as iniciativas impulsadas por mulleres e fomentar o seu liderado no ámbito económico e empresarial. Tamén unha liña de apoio ao aluguer de locais, dada a carestía actual que frea a posta en marcha de proxectos.
Pontón, que estivo acompañada no encontro pola portavoz municipal e candidata en Santiago, Goretti Sanmartín, destacou a importancia do traballo das autónomas no comercio local e de proximidade, que ten un papel “crucial” para dinamizar vilas e cidades e xerar emprego de calidade, un sector estratéxico por exemplo en cidades como Santiago.
Neste sentido, subliñou que as ideas e os proxectos das mulleres autónomas son clave para axudar a construír unha cidade mellor, “unha razón máis para apoiar a capacidade e o talento das mulleres clave para unha cidade como Compostela, -as participantes no encontro desenvolven o seu proxecto en Santiago-, pero tamén para o conxunto de Galiza. Estou moi orgullosa das nosas comerciantes”, sintetizou Pontón.
Galiza perde emprego autónomo
A líder do Bloque alertou de que o Goberno do PP non está acertando en relación ao colectivo porque, a diferencia da tendencia no conxunto do Estado, en Galiza decrece o número de persoas autónomas cunha caída de 2.600 traballadores por conta propia no último ano.
Neste contexto, Pontón criticou que o Executivo galego se limite a poñer “parches” e a votar en contra de todas as medidas que formula o BNG, entre elas un plan rede de emprego autónomo dotado con 20 millóns de euros para aportar liquidez, sobre todo nun momento de incremento dos xuros que dificulta máis o acceso ao crédito.
O veto do PP tamén impediu propostas como o bono eléctrico cun investimento de 2 millóns para axudar a cubrir os custes enerxéticos así como unha liña de axudas para a innovación financiada con dez millóns de euros. “Todas proposta que recibiron un non por parte do PP, mentres neste País desaparecen 2.600 autónomos”, destacou.
Situación en Santiago
Pola súa parte, a candidata en Santiago, Goretti Sanmartín indicou que como medida de apoio ás autónomas o BNG propón facilitar alugueres a través da compra por parte do Consorcio de locais que se porán a disposición das persoas que queiran emprender, cunha reserva especial para mulleres.
"O BNG propón crear un viveiro de comercio mediante a compra e rehabilitación de locais baleiros para dinamizar e dar vida á Cidade histórica", explicou, reorientando os investimentos do Consorcio para a compra pública e rehabilitación de locais con ese fin.
Neste sentido, indicou, “propoñemos facer unha normativa municipal para limitar a instalación de tendas de souvenirs e adoptar medidas de apoio a aqueles estabelecementos que, pola súa longa traxectoria ou por subministraren bens e servizos esenciais, deben considerarse de interese local”, explicou Sanmartín.
Actuacións na Cidade histórica que van servir de motor dinamizador tamén para o comercio do Ensanche. Outras medidas apuntadas pola candidata foron a de ter un transporte público acaído en horarios e frecuencias, zonas de aparcadoiro express nas inmediacións da Cidade histórica, medidas de conciliación ligadas ao comercio e á praza de abastos e un programa de dinamización cultural ligado ao comercio local”, concluíu. Departamento de comunicación