El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | SOGAMA

Sogama reactiva o programa de visitas ás súas instalacións da man das novas tecnoloxías

06-03-2023 15:44:24
Sogama reactiva o programa de visitas.

CERCEDA | A Sociedade Galega do Medio Ambiente reactiva o programa de visitas ás súas instalacións de Cerceda (A Coruña) logo de que este se suspendera con motivo da pandemia do COVID-19. 

O novo programa arrincou co comezo do presente mes de marzo da man de estudantes da Universidade da Coruña, concretamente da Facultade de Ciencias, con quen mantivo un encontro o presidente executivo da empresa pública, Javier Domínguez Lino, para agradecerlles o seu interese en coñecer a  infraestrutura industrial cercedense e comprobar en primeira persoa a actividade desenvolvida nasmesma. A fin de que os grupos escolares de primaria e secundaria poidan sacar un maior rendemento didáctico deste programa, a empresa deseñou para eles distintas dinámicas pedagóxicas coas que garantir a adquisición de coñecementos a través do xogo.  


Visita virtual  

Ademais, e dado que os menores, no marco da política de prevención de riscos corporativa, non poden realizar o percorrido a pé polo Complexo Medioambiental, senón en autobús, a entidade está a traballar nunha visita de realidade virtual, que estará culminada en breve, e da que os pequenos, e non tan pequenos, poderán gozar, xa que terán o privilexio de ver  o interior das  plantas que conforman o circuíto de tratamento dos residuos desde diferentes ópticas e desde recunchos inaccesibles; unhas imaxes únicas captadas a vista de dron. 

A Sociedade considera que, baixo este prisma, garantirase unha aprendizaxe máis efectiva e lograrase unha maior implicación dos visitantes, pois o percorrido virtual axudaralles a comprender mellor o traballo e esforzo despregado por Sogama, tanto material como humano e económico, para xestionar os residuos de forma sostible. 

Neste sentido, debe lembrarse que a Sociedade consegue recuperar, para a súa reciclaxe, a parte susceptible de ser reciclada, sometendo o resto a valorización enerxética, é dicir, transformando en enerxía eléctrica a parte non reciclable. De feito, a electricidade producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.   


Máis de 78.000 visitantes ata 2020  

Xa desde os seus inicios, o programa de visitas a Sogama foi un atractivo constante para os distintos colectivos sociais, acrecentado no caso dos grupos escolares, que viñan contemplando esta visita no seu currículo académico. Xa son máis de 78.000 as persoas que, ata 2020, pasaron pola infraestrutura industrial da entidade. En resposta a esta fidelidade, a empresa dá un paso máis para que, a través das novas tecnoloxías, os participantes poidan descubrir unha infinidade de espazos industriais que, no percorrido a pé, resultan imperceptibles, tendo a oportunidade de comprobar os procesos con vistas únicas e claramente diferenciadas  a todo o que a entidade puido mostrar ata o momento.  

Do mesmo xeito que en anos anteriores, a visita será avaliada polos integrantes dos grupos a través de cuestionarios en liña, unha ferramenta que permite á entidade coñecer a percepción destes respecto ao seu labor, obtendo deste xeito información moi valiosa e de gran axuda para a súa estratexia empresarial. 

Javier Domínguez manifestou a súa  gran satisfacción por ter retomado o programa de visitas a Sogama, consciente de que este constitúe a mellor ferramenta de formación e concienciación en materia de residuos, así como o mellor exemplo de transparencia. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias