SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, valorou o 8M en Galiza como unha xornada na que “quedou claro que o feminismo non é unha moda, é unha semente que prendeu, e o futuro será feminista ou non será”, despois de que miles de mulleres volveron manifestarse nas rúas, ao longo e ancho do País, para reclamar máis dereitos, igualdade e liberdade.
Neste sentido, a líder nacionalista anunciou que o BNG vai impulsar unha axenda feminista galega que permita imprimir velocidade ao avance da igualdade, tras catorce anos dun Executivo do PP que arrastra os pés cando se trata de mellorar os dereitos das mulleres. “Levamos 14 anos cun Goberno do PP que é unha rémora para os dereitos das mulleres e que se alía coa extrema dereita para que os nosos dereitos vaian cara atrás”, denunciou a portavoz do BNG. Fronte a isto, Pontón indicou que “o movemento feminista amosou a súa fortaleza e vitalidade con milleiros de galegas nas rúas dicindo que queremos vivir nun País en igualdade”.
A líder do Bloque declarou que o BNG impulsará unha axenda feminista galega que poña a igualdade no centro, con medidas como a creación da Valedora da Igualdade, un organismo autónomo con capacidade de impulsar sancións, cuxa finalidade é velar pola garantía dos dereitos das mulleres no sector privado, promovendo a igualdade e loitando contra a discriminación.
“Trátase de poñer a Galiza na vangarda do feminismo cun modelo que xa existe nos países nórdicos, un mecanismo de escoita para o que nos piden as mulleres nas rúas”, subliñou. A segunda das medidas céntrase e en que as políticas de contratación pública introduzan cláusulas de igualdade: “Impulsaremos unha lei que blinde esas cláusulas de igualdade para que non se financie a discriminación con diñeiro público”, concluíu. Departamento de comunicación