REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, demanda medidas máis contundentes e "valentes” tanto ao Goberno central como á Xunta ante unha escalada de prezos que non cesa, co agravante de que en Galiza o IPC volve subir un mes máis por riba da media nun País con salarios e pensións máis baixas, empobrecendo á clase traballadora, ás persoas autónomas e lastrando a competitividade das empresas.
A líder do BNG puxo o foco nos dous aspectos que máis tiran dos prezos: a enerxía e a cesta da compra. De feito, no mes de febreiro o prezo da electricidade subiu de media aos 77 euros mes, fronte aos 57 de xaneiro, segundo a OCU. E no referente ao prezos da alimentación, a taxa interanual aumentou un 16,5%, “subidas que van directamente ao corazón das familias e das PEMES”, indicou Pontón, que reclamou ós gobernos máis contundencia e decisión.
“Empezando por un novo modelo de regulación dos prezos da electricidade, acabando dunha vez por todas cos beneficios caídos do ceo e, desde Galiza, temos o dereito a reivindicar algo básico: se producimos electricidade, se no último ano exportamos o 40% da electricidade que producimos, temos dereito a que eses beneficios retornen ao País, e a mellor maneira é cunha tarifa eléctrica galega máis barata que permita baixarlle a factura ás familias e ás empresas galegas”, argumentou.
Unha tarifa xusta que compense polos custes ambientais e sociais da produción de electricidade, igual que sucede na maioría dos países europeos, onde as zonas produtoras teñen unha tarifa máis baixas.
En relación á cesta da compra, o BNG reclama ao Goberno do PP un observatorio de prezos que detecte a especulación nos alimentos e a combata. “É evidente que se está especulando e os gobernos teñen que actuar para evitar esa especulación que afoga as familias, mentres os e as produtoras non teñan ningún incremento de prezo dos seus produtos”, indicou desde Ourense, onde asistiu a presentación das liñas do programa electoral ás municipais que o Bloque presenta na cidade das Burgas.
Neste contexto de inflación que non cesa, Pontón considera un disparate a decisión do Banco central europeo de subir os tipos de interese, porque non estamos ante un proceso inflacionista derivado dun aumento do consumo e, por tanto, incidir na subida dos tipos “só cargaría sobre a maioría social o peso dunha crise que non provocou”, repetindo os erros doutras crises, concluíu. Departamento de comunicación