REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou no Parlamento Europeo que Galiza é un país vítima do lobby da electricidade, “que fai que sexamos unha colonia” debido aos proxectos de instalación de parques eólicos preto das costas, de forma que poden afectar negativamente á actividade pesqueira e á biodiversidade mariña.
“Non queremos que os proxectos off shore destrúan a nosa riqueza marítima e por iso pedimos a prohibición deses parques eólicos diante da costa de Galiza”, manifestou Miranda na súa intervención, ao tempo que fixo referencia ás críticas efectuadas polos grupos ecoloxistas, como os convocantes da protesta que tivo lugar o pasado sábado na Coruña en defensa do sector pesqueiro, que mesmo denuncian o “colonialismo enerxético” ao que está sometida Galiza.
“A pesca é unha actividade prioritaria para Galiza”, subliñou a eurodeputada do BNG dirixíndose ao vicepresidente da Comisión Europea Frans Timmermans -presente no debate-, “e iso ten que reflectirse nos espazos marítimos e europeos. por iso dicimos si as enerxías renovables pero respectando a diversidade”. Neste sentido o Bloque salienta a importancia da cadea mar - industria, que en Galiza representa arredor do 4,8% do PIB, ten unha facturación aproximada de 12.000 millóns de euros, supón arredor de 64.000 postos de traballo directos, e representa máis do 10% da capacidade pesqueira do conxunto da UE.
43% da eólica mariña do Estado
Do mesmo xeito que ten denunciado o BNG no Parlamento Galego e no Congreso, o Bloque no Parlamento Europeo tamén critica que o Goberno do Estado -co silencio da Xunta-, pretenda destinar 2.200 quilómetros cadrados de costa galega para a eólica mariña, o que supón que a costa de Galzia soportaría o 43% da eólica mariña de todo o Estado.
Cómpre sinalar que o Bloque rexeita os parques eólicos na nosa costa galega polas características da propia plataforma galega, ao tratarse dunha plataforma moi estreita que provoca que os proxectos se sitúen a tan só 20-25 quilómetros. Pola contra, nos países europeos, os parques de eólica mariña se sitúan a 60 quilómetros da costa.
Desde o BNG considérase que este planeamento pon en serio perigo o sector pesqueiro galego, polo que defende a retirada dos plans de eólica mariña do Goberno central e declarar a costa galega zona excluída de eólica mariña, para garantir o futuro do sector pesqueiro, xa que as características da plataforma continental galega fan que a pesca e a eólica mariña sexan incompatibles. Departamento de comunicación