SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, deu hoxe “a benvida” ao xiro na política enerxética da Xunta para sumarse ao que viñan demandando os socialistas "dende hai meses", que é crear unha sociedade pública para participar nos proxectos enerxéticos. Esixe, ademais, que esa participación non se limite aos parques eólicos, e se estenda aos sistemas de almacenamento e aos proxectos de biomasa e de hidróxeno verde.
O número un dos socialistas galegos saudou o anuncio realizado polo goberno galego de que a Xunta participará nos proxectos eólicos que se instalen en Galicia. A enerxía é para o seu partido “un facto definitorio da economía global, que fai que moitas familias poidan chegar ou non a fin de mes”, polo que considera imprescindible esa implicación da administración.
Recordou que o PSdeG xa o propuxo a través do “histórico” Pacto Eólico que firmaron xunto con diversas organizacións sindicais do sector e do mundo rural, así como directamente a Rueda en San Caetano e no Parlamento, encontrando só o rexeitamento do PP.
De igual xeito, Formoso resaltou as súas dúbidas sobre o éxito desta participación e denuncia falla de previsión despois de que a Xunta xa autorizase 70 novos parques co que ten unha “posición negociadora feble” coas empresa eléctricas para poder incorporarse nos proxectos.
Beneficios para o rural
O tamén alcalde das Pontes puxo enriba da mesa a cuestión da finalidade dos beneficios. Para a súa formación, estes deben centrarse no ámbito rural, en especial ás comunidades afectadas polas instalacións. Considera que o investimento debe centrarse en tres campos vitais para a fixación da poboación no rural e moi minguados pola xestión da Xunta: educación, sanidade e transporte.
Tamén reclama que non sexa só no ámbito eólico onde participe a administración galega. Entendendo o campo das renovables e a transición enerxética como algo transversal, esixiu que se incorporen con participación pública nos proxectos en marcha para a xeración de hidróxeno verde e de sistemas de almacenamento previstos no territorio e estreitamente ligados ás instalacións eólicas.
Rueda, Vox e Von der Leyen
Ao fío do debate de moción de censura debatida no Congreso dos Deputados por iniciativa de VOX, o líder socialista tamén aportou a súa “reflexión”. Considera que “cando hai un momento crítico no país, o Partido Popular sempre agocha a cabeza".
Así o fai Núñez Feijóo, “escondido” na embaixada de Suecia para non ter que condenar a iniciativa da ultradereita, do mesmo xeito que Rajoy “se agochou nun restaurante toda a xornada” no debate da moción de censura que ameazaba o seu goberno.
Formoso recriminou aos populares que traten de enganar aos votantes, xa que “cando o país precisa que se de a cara e se esclareza un posicionamento que pode ser definitorio sobre o voto dos cidadáns, deciden agocharse”. Estendeu as críticas ao presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, que vai a reunirse o vindeiro luns coa presidente da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, quen pertence á súa familia política a nivel europeo, pero amosou o rexeitamento aos postulados da extrema dereita en múltiples ocasións.
Por iso, Formoso pregúntalle a Rueda “que lle vai a dicir o luns a Von de Leyen?, que a súa proposta é un goberno con Espinosa de los Monteros como ministro de Asuntos Exteriores?”, que queren volver a vivir na Galicia en branco e negro, de cincuenta anos atrás?”.
Unha posición delicada para o xefe de goberno da Xunta, ao que o socialista recrimina a mesma falla de contundencia que ao seu antecesor, Núñez Feijóo. O que lle leva a pensar que simplemente “non voan en contra, como farían un partido racional de dereitas europeo”, porque están preparando o terreo para pactar con eles.
Axudas ao sector da pesca
O secretario xeral do PSdeG tamén exerce o cargo de presidente da Deputación da Coruña, dende onde impulsaron esta mesma semana 700.000 euros de axuda para o sector pesqueiro ante o paro biolóxico na captura do xurelo, evitando así posibles despidos masivos.
Esta axuda súmase a outras que fan sen competencias dende esta administración, un total de 22 millóns de euros no 2022 foron destinados a paliar a inflación no ámbito agrogandeiro, pesqueiro e do transporte. Formoso resaltou que dende a Xunta non houbo un só euro para estes sectores ao pesar de ser o seu ámbito competencial.
Esixiu que de forma inmediata habiliten liñas de axudas para a supervivencia de “sectores estratéxicos tradicionais en Galicia e que sosteñen comarcas enteiras e formas de vida benqueridas no país”, e que lle “xera unha gran indignación e rabia ver como o presidente da Xunta vive dándolle as costas”. Departamento de comunicación