REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou hoxe na conferencia “Stop Finning – Stop the trade”, -baseada na Iniciativa Cidadá Europea (ECI) sobre a comercialización das aletas de quenlla- na que defendeu que a frota pesqueira galega desenvolve prácticas sostibles, cumprindo a lexislación europea vixente, polo que reclamou un trato xusto.
“Compartimos que o finning é unha práctica condenable e antiecolóxica”, subliñou a eurodeputada nacionalista, quen explicou que na UE o cercenamento das aletas de tiburóns nos buques está prohibido en virtude do Regulamento (UE) nº 605/2013 1 do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de xuño de 2013, e que este Regulamento está trasposto ao ordenamento xurídico español mediante a Orde AAA/658/2014, pola que se regula a pesca coa arte de palangre de superficie para a captura de especies altamente migratorias.
Ademais, Miranda apuntou que esta frota de palangre de superficie, maioritariamente galega, está suxeita as normas de xestión pesqueira e é a que máis control e regulacións ten, derivados do Apéndice II de CITES (Convenio sobre el Comercio Internacional de Especies de Fauna e Flora Silvestres) e da propia normativa europea.
Así, a vicepresidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e titular da Comisión de Pesca subliñou que a frota galega “non practica finning”, senón que se comercializa todo o animal de forma totalmente regulada e controlada, de acordo coa normativa vixente. Considerou que proxectar sobre a frota galega a sospeita de finning é “falso e inxusto”, que non responde á realidade.
Estrito control
“Desde o porto de Vigo non se comercializan aletas de quella con destino a Asia”, sinalou na súa intervención, ao tempo que lembrou que a frota galega, como toda pesquería da UE está suxeita a un estrito seguimento e control dos buques e das capturas. Ademais, a comercialización do conxunto do animal é vixiada a través da documentación de descarga e as inspeccións portuarias.
De feito, a frota de palangre de superficie galega e a industria transformada relacionada levan anos realizando importantes esforzos na aplicación de medidas nacionais e internacionais para a xestión sustentable das distintas especies. Por un lado, cada estado ten que reportar as OROP anualmente o seu “Plan de xestión de tiburóns”; ademais desenvólvese unha estreita colaboración coa comunidade científica, así como medidas para minimizar as capturas accidentais.
Ana Miranda apuntou que como mostra do compromiso coa sustentabilidade pesqueira, o sector palangreiro galego e a industria transformadora e comercializadora están aplicando actualmente o FIP Blues, (Fisheries Improvement Project). Departamento de comunicación