VIGO | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, censurou hoxe o voto en contra do PP e do BNG no Congreso á reforma das pensións que garante o nivel adquisitivo de 700.000 pensionistas galegos, ademais de estar consensuada cos sindicatos, avalada pola Comisión Europea e apoiada pola totalidade dos grupos de esquerdas presentas na cámara baixa.
En declaracións previas ao almorzo coloquio organizado polo Círculo de Empresarios en Vigo, o líder dos socialistas galegos reprochou a populares e nacionalistas que voten en contra do acordo que “garante o dereito a ter unha pensión digna, que se actualice respecto do prezo da vida, así como establece un principio de solidariedade interxeracional” entre os pensionistas presentes e futuros.
Non amosou sorpresa polo voto negativo dos populares que “están acostumados a tomar medidas contra o máis débil”. Neste senso recordou a reforma das pensións realizada polo executivo de Rajoy que “non tiña en conta o prezo da vida e empobrecía aos pensionistas”.
En cambio, si que están sorprendidos no PSdeG pola posición do BNG. Formoso pregúntase “a ver como lle explica Ana Pontón aos 700.000 pensionistas galegos que están en contra de que se actualicen as pensións conforme ao prezo da vida”. Considera que esta decisión “é unha páxina negra na historia” da formación nacionalista, pola que “terán que dar moitas explicacións”.
Acordo histórico
Formoso resaltou que este é “un acordo histórico” poñendo de acordo aos sindicatos, a todos os grupos de esquerdas no Congreso salvo o BNG e sendo avalada polo máximo organismo europeo. A relevancia do acordo non ven só da suma de actores que participan del, senón que é unha reforma do sistema que “mellora as condicións dos pensionistas”, algo que contrasta moito coas feitas no pasado ou mesmo na actualidade noutros países europeos.
O secretario xeral do PSdeG tivo ocasión de reiterar que “se acaba de facer xustiza con Besteiro, ao que se perseguiu pola súa valía política” logo do seu nomeamento como Delegado do Goberno. “O PSOE ten máis de 140 anos de historia porque ten valores e principios e non deixa tirada á xente”, alegou Formoso que asegura que están “moi felices” pola volta dunha “persoa de gran valía, gran compañeiro e gran amigo”.
Futuro económico de Vigo
Formoso presentou aos empresarios os grandes trazos do modelo económico que defenden os socialistas, que pasa por “garantir a viabilidade dos sectores produtivos”, pero para poder 2redistribuír a través de servizos públicos que funcionen con garantías”.O líder dos socialistas, que foi presentado polo alcalde, Abel Caballero, falou da “liña de alta tensión que estaba no papel e agora vai a ser unha realidade”, para el coloca a Vigo e a Stellantis na “gran liga da actividade económica”.
Tamén resaltou que a Unión Europea “chamou á porta do noso país” para que Galicia sexa líder na aposta polas renovables. Sen embargo, considera que “chegamos tarde” á participación pública nos proxectos eólicos tras ser autorizados antes pola Xunta 75 parques eólicos. Departamento de comunicación