El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Rueda remata o luns a súa viaxe a América mantendo encontros con empresarios e inversores en México

16-04-2023 09:15:42
Alfonso Rueda, presidente da Xunta.

REDACCIÓN | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comeza hoxe a recta final da súa viaxe a América con dúas xornadas en México de marcado carácter económico. O titular do Goberno autonómico manterá varios encontros con empresarios e inversores co obxectivo de reforzar as alianzas económicas e comerciais coa comunidade galega e atraer novos investimentos. “Galicia é un lugar de moitas oportunidades. Quen queira investir e facelo con seguridade é o momento de facelo en Galicia”, indicaba onte antes de partir cara México desde Venezuela, a segunda parada deste periplo que iniciou o pasado mércores en Panamá.  

Rueda celebrará o luns un almorzo con representantes do tecido empresarial en México interesados nos distintos proxectos industriais nos que se está a traballar en Galicia. Trátase de empresarios mexicanos, españois e tamén galegos que desenvolveron importantes iniciativas no país ao que emigraron. “Os galegos teñen una presencia moi potente no tecido empresarial mexicano. Son os mellores embaixadores do carácter emprendedor dos galegos e do que é a Galicia do presente e do futuro”, indicou o presidente da Xunta. Rueda trasladará a estes empresarios a importancia de seguir a estreitar lazos entre ambas rexións ante a oportunidade que supón Galicia como referente en sectores que van ser claves na economía dos vindeiros anos coma as enerxías renovables.   

O presidente tamén se reunirá con inversores mexicanos aos que transmitirá o interese da Xunta por atraer proxectos industriais innovadores e estratéxicos a Galicia. Nesta liña, presentará as diferentes iniciativas que ten en marcha a Xunta para apoiar os investimentos empresariais na comunidade. “Galicia aporta o que creo que están buscando agora moitos dos inversores: seguridade xurídica -a través de leis e estímulos que favorecen a implantación empresarial e reducen os prazos administrativos-; ser unha comunidade que crece e ter unha situación xeográfica privilexiada para o desenvolvemento de novas industrias como as vencelladas á enerxía”, indicou. 

Antes dos encontros de carácter económico, Rueda manterá contactos coa colectividade galega en México e asistirá á representación dun espectáculo teatral no Centro cultural de España en México, froito do traballo conxunto entre artistas galegos e mexicanos. O presidente da Xunta asistirá esta tarde á Festa tradicional da Ramallosa que se celebrará no Centro galego de México, onde coñecerá ademais de primeira man as actividades e apoios que ofrece esta entidade aos galegos no exterior. E pola noite, Rueda acudirá á función ‘Canta máis luz, máis sombra’, coproducida polo Centro Dramático Galego e a Compañía Nacional de Teatro de México.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias