El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

FESTIVAL ATLÁNTICA

O Festival Atlántica de narración oral quenta motores cun espectáculo de Carolina Rueda e Quico Cadaval no Salón Teatro de Santiago

A actuación destes dous referentes do mundo dos contacontos é un adianto da undécima edición do Festival Atlántica que se vai celebrar en xullo.

17-04-2023 14:52:05
Cartel do Festival Atlántica.

REDACCIÓN | A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval van protagonizar o espectáculo Quentando motores para Atlántica, un adianto da undécima edición do encontro de narración oral que se celebrará en xullo. A cita con estes dous mestres dos contos será este martes no salón Teatro de Santiago, ás 20:00 horas e as entradas están á venda na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros.  

Carolina Rueda e Quico Cadaval son referentes da narración oral de cadanseu país. Colombia e Galicia teñen na arte de contar historias un dos cernes da súa cultura. Nos dous países conta contos unha porcentaxe altísima das persoas. As máis sen cobrar. Mais hai un número cada día maior que fixo de contar historias a súa profesión. Os relatos saen das tabernas, dos fiadeiros, dos autocares e dos mentideiros para entraren nos teatros e no ámbito académico. A arte ancestral que vén das lareiras primitivas converteuse nun dos emblemas da modernidade. Algo tan simple como contar historias en voz alta. Aínda que ás veces Rueda e Cadaval non o fan tan sinxelo. Nas súas narracións aparecen, cando menos se espera, elementos sorprendentes que alteran as peripecias, bifurcan a trama, escurecen o camiño e toldan o río da acción.  

Cadaval e Rueda coñecéronse no 2002 en Lima, no festival Déjame que te cuente. Dende aquela atopáronse nunha morea de eventos e nalgúns partillaron palco e público, como en Atlántica, sen ir máis lonxe. Artisticamente coñécense ben, por iso puideron escoller o repertorio un da outra e viceversa. Todo comezará pola frase "Bótalle aquel tan bo...". 

Aparecerán, abofé, algúns éxitos do dúo. Clásicos como a historia dos ladróns que asaltan unha pastelaría ou o da gata que adopta uns pitiños que un accidente de tránsito deixara orfos. Nos outros contos non han de faltar o misterio, o erotismo, o espanto, o tráfico de arte, a violencia en locais de lecer e un etcétera que se desvelará neste petisco do Festival Atlántica 2023. 


Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias