REDACCIÓN | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou a posición do Bloque con respecto ás declaracións do presidente da Xunta, nas que anunciaba que Galiza terá 6.000 vivendas de promoción pública en 2026. A líder do Bloque, cualificou de “tomadura de pelo” que Rueda faga estas declaracións despois de “catorce anos de goberno do PP nos que se abandonou por completo a construción de vivenda protexida, sobre todo a destinada a aluguer”.
Entre o 2014 e o 2018, o Goberno do PP só construíu unha vivenda protexida destinada a aluguer. Isto vén da man do anuncio da construción de 890 vivendas protexidas con cargo ao Plan de Vivenda 2014-2021, cando en realidade só se construíron 39 delas. A raíz disto, a portavoz nacional urxiulle a Rueda que “deixe os anuncios electoralistas e a propaganda e se poña a traballar dunha vez para facilitarlle o acceso á vivenda aos galegos e ás galegas”. Todo isto nun contexto no que os alugueres subiron de media en Galiza un 30% nos últimos anos nas grandes cidades, dificultando o acceso a unha vivenda digna, en particular á xente moza.
Pontón propuxo, como un modo de aumentar con rapidez o parque de vivendas públicas no País, reclamarlle ao Goberno do Estado que transfira a Galiza as vivendas que a SAREB ten en Galiza. “Hai unhas 1.200 vivendas que xa se poderían poñer en réxime de aluguer a disposición dos 16.000 galegos e das galegas que están anotadas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida”, puntualizou.
Ademais, quixo lembrar que “esta proposta xa se aprobou por unanimidade no Parlamento en setembro do ano 2022, impulsada polo BNG, pero o goberno do PP non fixo nada para materializala”.
Nordés Club Empresarial da Coruña
Doutra banda, a portavoz nacional do BNG asistiu ao almorzo-conferencia Oportunidades para Galiza nun mundo global no Nordés Club Empresarial da Coruña, no que estivo acompañada polo candidato á alcaldía da cidade, Francisco Jorquera.
“Estamos vivindo un momento no que todo cambia e Galiza ten que pensar como construír o seu futuro no ámbito económico, de creació de riqueza e emprego”, declarou a líder do BNG no encontro, explicando que a formación nacionalitsta ve “indicadores preocupantes que nos falan de que este País precisa un forte impulso”. No momento actual, no que a crise demográfica é cada vez maior, na que miles de mozos e mozas teñen que emigrar ante a falta de oportunidades e na que Galiza perde músculo industrial, Pontón quixo poñer sobre a mesa as alternativa económica do BNG para construír “unha Galiza con máis futuro, unha Galiza en grande”.
A proposta baséase en tres elementos centrais. O primeiro deles pasa por incrementar o peso do sector industrial, para reverter un proceso de decadencia que se traduce en 20.700 empregos menos na industria desde 2009. “Propoñemos un plan que permita desenvolver a nosa industria, -apoiándose na riqueza eléctrica do País-, co obxectivo de logar que supoña o 25% do PIB”, indicou a líder do Bloque. “Esta é unha clave de futuro, porque no noso País temos capacidade para producir, temos que apoiar á pequena empresa e dimensionala”, subliñou.
O segundo elemento pasa por unha aposta pola ciencia e a innovación. “No BNG apostamos por un Pacto galego pola ciencia que nos permita achegarnos á media europea de investimento en I+D+i, pola captación e retención de talento investigador que emigrou por falta de oportunidades”, indicou Pontón, denunciando que “a día de hoxe en Galiza destínase a metade do que invisten os países europeos en investigación e ciencia e iso cambiarémolo cando o BNG lidere Galiza porque queremos ser un referente internacional no eido científico”.
Neste mesmo ámbito, o próximo pleno do Parlamento debaterá a proposición de lei do BNG para a creación do INNOGAL, unha entidade similar ás que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (ICREA), co obxectivo de facer da ciencia un factor estratéxico para o desenvolvemento de Galiza. Terá, ademais, un dobre obxectivo: optimizar a xestión dos recursos e reter e captar talento investigador.
A enerxía é o terceiro elemento sobre o que xira a proposta económica do Bloque para pensar nunha Galiza en clave de futuro. “Este País ten unha grande oportunidade nas enerxías renovables pero cremos que as cousas non se están facendo ben” recalcou Pontón, que ve ás forzas estatais empeñadas en que sexan as eléctricas as que se benefician da riqueza eólica.
Tarifa eléctrica galega
“Vemos a un PP e a un PSOE que están traballando para as eléctricas, que ten posto en marcha un modelo que perpetúa o espolio eólico neste País”, declarou a portavoz nacional. Fronte a isto, o BNG propón poñer a enerxía eléctrica de Galiza ao servizo da sociedade galega, das familias e das empresas, rexeitando “este bum eólico desordenado que só beneficia ás multinacionais”.
Neste sentido, Pontón propó unha compañía de enerxía 100% pública, seguindo os pasos de moitos países europeos, así como “unha tarifa eléctrica galega máis baixa porque é de xustiza e de sentido común”, indicou, “xa que exportamos un 40% da electricidade que producimos sen obter ningún beneficio e pagando grandes custes ambientais e sociais”.
O BNG está totalmente a favor da transición enerxética, pero cun modelo xusto e democrático. “O que non se pode é perpetuar o espolio dos nosos recusos dándolle barra libre ás eléctricas para que destrúan o noso territorio e se enriquezan cun recurso que é de todos os galegos e as galegas. A enerxía ten que estar ao servizo da sociedade”, concluíu. Departamento de comunicación