SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, fixou a posición do BNG en materia de vivenda, reclamando “abordar esta cuestión desde o rigor e non desde a propaganda e o electoralismo no que están instalados tanto o Goberno Central como o Goberno do PP na Xunta nestas últimas semanas, porque nin con propaganda nin con anuncios electoralistas se van solucionar os problemas que os galegos e as galegas teñen para acceder a unha vivenda”, explicou, nun País con 16.500 persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda protexida.
Tras o anuncio do Goberno Central da cesión de 50.000 vivendas da SAREB e un 20% do parque público de vivenda, Pontón quixo poñer o foco en que “non se está falando dunha cesión gratuíta, están dicíndonos que as vivendas que xa pagamos mediante un rescate bancario, imos ter que volver pagalas con recursos públicos, polo que parece a débeda bancaria é pública pero as vivendas dos bancos rescatados non”, denunciou.
Fronte a esta oferta de compravenda do Executivo de Pedro Sánchez, o BNG propón a cesión gratuíta a Galiza das 3.000 vivendas que a SAREB ten no País, tanto as xa construídas como as que están en construción. “Volveremos levar esta semana ao Parlamento esta proposta, porque aínda que xa se aprobou por unanimidade hai meses, o PP non fixo nada para levala a cabo”, anunciou Pontón.
Entre o 2014 e o 2018, o Goberno do PP só construíu unha vivenda protexida destinada a aluguer e, con cargo ao Plan de Vivenda 2014-2021, só se construíron 39 inmobles despois de ter anunciada a construción de 800. “Isto dá boa mostra de como o PP dinamitou a política pública de vivenda deixando sen executar a maior parte dos fondos”, indicou a líder do Bloque. Igualmente, indicou que no Congreso o BNG xa presentou unha emenda a Lei de vivenda reclamando a cesión gratuíta deses inmobles da SAREB.
Aos anuncios electoralistas acompañados de letra pequena do Goberno central súmanse os do Executivo do PP desde a Xunta, un Goberno de Rueda que, “tras dinamitar a política de vivenda protexida, agora anuncia que vai facer en tres anos o que non fixo en catorce”, e todo adobado das declaracións do presidente da Xunta nas que aseguraba non ter actuado antes porque o PP no detectara problema algún non acceso á vivenda en Galiza.
Ademais do dato de 16.500 persoas que demandan vivenda pública, a portavoz nacional lembrou a subida dos prezos do aluguer “un 30% de media nos últimos anos nas grandes cidades nun País no que temos pensións e salaios por debaixo da media estatal”. Neste contexto, as declaración de Rueda, constatan que “temos un PP e un presidente da Xunta totalmente desconectados da realidade da xente”. Pontón reclamou a Rueda “menos electoralismo e menos propaganda antes das eleccións municipais e máis política de vivenda real”.
Recorte de 1.800 millóns do PP en vivenda
“Se facemos contas”, subliñou, “dende 2009 ata este 2023, o PP recortou nos orzamentos de vivenda protexida 1.800 millóns de euros e resulta evidente que se estes recursos se tivesen investido, non teríamos un rexistro de vivenda protexida colapsado nin teríamos unha taxa de emancipación tan baixa”, destacou a portavoz nacional.
Para abordar con rigor os problemas de acceso á de vivenda, o BNG reclama un plan con compromisos concretos por anualidades, que determinen onde se vai construír vivenda pública e canta será de promoción pública e de promoción privada. “Precisamos unha estratexia ampla e ambiciosa para o incremento de parque público para os galegos e as galegas que nos permita alcanzar, como mínimo, o 5% do total nos próximos cinco anos”, indicou Pontón.
“Ante un Goberno do PP que dinamitou a política de vivenda protexida, a situación só pode cambiarse con rigor, compromiso e con orzamentos que se executen porque a sociedade precisa unha alternativa real”, concluíu. Departamento de comunicación