SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu hoxe no Parlamento galego a posición do BNG de apoio á iniciativa lexislativa popular (ILP) de SOS Sanidade Pública para reverter os recortes en atención primaria, iniciativa que non prosperou polo veto do Partido Popular que, unha vez máis, respondeu con prepotencia ante unha reclamación avalada por 50.000 sinaturas, a ILP con máis apoio de toda a historia do Parlamento. “Hoxe o PP votou non a mellorar a atención primaria pero estou segura que en canto teña oportunidade a cidadanía galega vai votar si a unha sanidade pública libre de recortes”, proclamou.
Pontón cualificou de indecente un goberno do PP que “pon a tarxeta de crédito por riba da tarxeta sanitaria, que recorta na sanidade pública para facilitar o negocio da privada e que está convertido nun perigo para a saúde das persoas porque, mentres que a sanidade pública salva vidas, os recortes do PP en sanidade, matan. É así de duro, pero así de real”, resaltou.
“Hoxe a sanidade pública está gravemente ferida, despois de que o Partido Popular recortase 2.339 millóns de euros dende 2009 en atención primaria”, denunciou, “e cando falamos de atención primaria estamos a falar do corazón do noso sistema sanitario porque son os médicos e as médicas nos centros de saúde as que fan un labor imprescindible para coidar da nosa saúde, sobre todo nunha Galiza cunha poboación moi envellecida que precisa de atención constante e continuada”, argumentou. Un recortazo de 2.339 millóns de euros que nos sitúa á cola en investimento en primaria, so por detrás de Madrid.
“Esta política de recortes deixa a Galiza na cola en gasto de persoal sanitario por habitante”, explicou, “o que se traducen en PACs sen persoal médico, miles de nenos e nenas sen pediatra asinado, en listas de espera para ir ao médicx de cabeceira, en urxencias hospitalarias saturadas ou no total abandono da saúde mental pese a que o 30% das consultas en primaria están relacionadas con este tema. Non é decente un goberno que deixa a miles de galegos e de galegas sen máis axuda que unha caixa de lorazepam”, denunciou.
Pontón tamén recalcou que o PP fixo da precariedade a norma e hoxe ten un persoal sanitario “esgotado e maltratado” nunha atención primaria que está “na UCI”. “Non o din só o BNG, aí está a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenando ao SERGAS por vulnerar os dereitos do persoal médico de primaria, o PP fixo da precariedade unha constante ignorando a programación e formación do persoal médico pese a que sabían perfectamente as xubilacións de cada ano. Hoxe, os profesionais foxen da súa precariedade”, criticou.
O modelo do BNG: máis financiamento, persoal e servizos
Fronte ao modelo “retrógrado e insolidario” dun PP, o BNG propón un modelo alternativo para a atención primaria en base a tres piares: financiamento suficiente, máis persoal sanitario e a ampliación da carteira de servizos. “Nisto creemos no BNG, en poñer cartos e recursos humanos para avanzar no que máis importa: en dereitos e nunca en retroceder cando se trata de sanidade pública”, subliñou a portavoz nacional.
Pontón quixo lembrar que “a sanidade pública é unha conquista social e fundamental que non podemos perder. Fainos iguais ante a enfermidade e iso é o que reclama a maioría da sociedade galega cando sae a rúa para defendela”.
A líder da oposición pediulle a un Rueda “presidente ausente” que deixe de lado a habitual “prepotencia e soberbia” que mostra o Goberno do PP e que escoite o que lle di a maioría social deste País, “incluído o persoal sanitario que o deu todo por coidarnos na pandemia e que o sigue facendo”. “O BNG sempre vai estar coa sanidade pública e ao lado da maioría social que a defende con uñas e dentes, porque está en xogo, nada máis e nada menos, que a saúde das persoas”, concluíu. Departamento de comunicación