CERCEDA | A Sociedade Galega do Medio Ambiente vén de lanzar unha nova páxina web coa que pretende achegar, aínda máis, o seu labor aos cidadáns, apostando de forma decidida por unha maior transparencia e interactividade.
Simplicidade na información transmitida
A redistribución de contidos en áreas diferenciadas, pero interconectadas entre si, permite á entidade simplificar a información relativa ao ámbito corporativo, industrial e educativo, o que a levou a realizar unha redistribución de contidos. Con isto, sogama.gal pretende dar resposta a catro preguntas claves: quen somos, que facemos, como o facemos e por que o facemos.
E é que, como empresa pública de xestión de residuos municipais, ten unha gran responsabilidade na protección ambiental da nosa comunidade, toda vez que 295 concellos (o 94% do total) confían no seu sistema, o que quere dicir que xestiona e trata cada día os refugallos producidos por máis de 2,2 millóns de habitantes, cifra á que habería que engadir a poboación flotante propia da época estival.
Tal e como figura no Saúdo institucional do seu presidente, Javier Domínguez Lino, a filosofía empresarial desta entidade “réxese polo máximo aproveitamento e o menor desperdicio, de aí que o seu labor se dirixa en todo momento a transformar os residuos en recursos nun marco de economía circular”.
Recoñece que o camiño que Sogama tivo que percorrer non foi doado, “pero demostramos a nosa capacidade para responder de forma eficiente aos grandes retos, que se renovan ano tras ano cun único obxectivo: mellorar o medio ambiente galego e, polo tanto, o benestar e calidade de vida de todos os habitantes desta comunidade”.
Ao respecto, móstrase convencido de que Galicia soubo conxugar, de forma harmoniosa e equilibrada, a prosperidade e o crecemento económico coa protección dunha contorna natural única que, ademais de achegar saúde e calidade de vida, tamén é fonte de riqueza e emprego.
Domínguez Lino considera que “no haber da compañía figura a súa contribución a unha Galicia sostible que debemos seguir preservando desde a corresponsabilidade; no débito, a súa contribución á sostibilidade das xeracións futuras, un legado para o que seguiremos traballando sen descanso”.
Canle educativo
O novo sitio web de Sogama pretende ser moito máis que unha canle informativa sobre a empresa, senón unha ferramenta de educación ambiental, xa que a única forma de que a xestión dos residuos municipais sexa verdadeiramente sostible é que na mesma participen os distintos sectores sociais desde o máximo coñecemento e formación, e o máximo compromiso.
Con tal fin, Sogama pon ao dispor da poboación múltiples recursos didácticos e divulgativos adaptados a diferentes tramos de idade para que, entre todos e todas, construamos a Galicia do futuro nun marco de economía circular. Departamento de comunicación