El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O BNG propón ampliar o dereito de votación aos 16 anos

12-06-2023 14:36:56
Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou a proposición de lei que o BNG rexistrará esta semana Parlamento para modificar a actual lei electoral galega con dous grandes obxectivos: fomentar a participación da xente moza e mellorar a calidade democrática no proceso de elección de representantes ao Parlamento de Galiza. 

“Facémolo co obxectivo de facer máis democrático o proceso de elección dos representantes da cidadanía no Parlamento galego”, explicou a líder do Bloque, lembrando que “nun momento no que medra a desafección política, temos a responsabilidade de facer as reformas e cambios necesarios para que máis cidadanía se sinta representada”. Neste sentido, o BNG presenta dúas grandes propostas: ampliar a idade do dereito a voto aos 16 anos e blindar por lei a celebración de dous debates electorais nos medios públicos en horario de máxima audiencia.  

“Se queremos que a mocidade se implique na política temos que facilitalo e que mellor maneira que permitirlles elixir aos seus representantes. É unha medida que afonda na calidade democrática e unha forma de loitar contra o abstencionismo político e a desafección”, subliñou Pontón. 

Con respecto disto, a portavoz nacional destacou que “a mocidade é ao segmento ao que máis lle van afectar as decisións políticas de hoxe cando escribimos as decisións de mañá, polo tanto, teñen dereito a que a súa voz se escoite”. Ademais, quixo destacar que a xente moza ten demostrado a súa implicación “impulsando grandes debates aos que nos enfrontamos hoxe en día como o cambio climático”.  

Cos 16 anos fixados como unha maioría de idade sanitaria, unha idade á que se permite contraer matrimonio ou unha idade á que se permite tamén traballar, Pontón indicou que “se tes idade para traballar e pagar impostos, tamén tes idade para votar e poder decidir o futuro do teu País”. De ampliarse o dereito a voto ata os 16 anos, en Galiza 46.000 mozos e mozas poderían participar nas próximas eleccións galegas. “Non hai que ter medo á participación da xente moza, ao contrario. No BNG queremos promover esa participación e a súa   implicación” indicou a líder nacionalista.


Debates nos medios públicos

A segunda proposta do BNG para mellorar a calidade democrática do sistema político e pon no centro a celebración de, polo menos dous debates dos principais candidatos e candidatas nos medios públicos e en horario de máxima audiencia. Pontón destacou que “os debates non son un dereito dos partidos políticos, son un dereito da cidadanía para coñecer as propostas e que poida haber un contraste de ideas que lles axude a tomar a mellor decisión para o seu futuro”.  

Esta proposta non deixa de lado outros debates nos medios privados ou auspiciados por calquera outra entidade social. “Nunha campaña, canto máis debatamos, mellor será para o proceso electoral e mellor imos informar á cidadanía de cales son as nosas alternativas”, puntualizou a portavoz nacional. “Queremos abrir este debate para mellorar a nosa calidade democrática e aumentar a participación da cidadanía”, concluíu. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias