REDACCIÓN | A secretaria xeral do PPdeG asegurou que “os galegos e o sector da alimentación precisan a Feijóo para que a rebaixa do IVE á carne, os produtos do mar e as conservas sexa unha realidade”, destacando que esta medida podería supoñer ata 150 euros de aforro por familia na cesta da compra.
Paula Prado afeou neste sentido a Pedro Sánchez que fixese “caso omiso” a esta petición “tan sinxela e necesaria” cando, sen embargo, “non parou de anunciar outras que son claramente electoralistas”.
“Agora que o Goberno de Sánchez non para de dicir que a economía vai como unha moto, eu quero lembrar o último Goberno socialista que dixo que había brotes verdes”, recordou.
A un mes das eleccións xerais, a número dous dos populares galegos sinalou que o único Goberno de fiar será o liderado por Alberto Núñez Feijóo: “El é o único que pode darnos o cambio que necesita España”.
“Só con Feijóo podemos ter a partir do 23 de xullo un verán azul como nos merecemos, un verán azul como é Galicia e con Pedro Sánchez xa desaparecido das nosas vidas á volta das vacacións”, remarcou.
Paula Prado sinalou que Sánchez convocou as eleccións no mes de xullo “para impedir que a xente vaia votar”; pero que esta foi unha estratexia equivocada: “A xente ten ganas de votar e estou segura de que os galegos votarán para botalo a el".
Na súa visita á feira tradicional de Curtis, a secretaria xeral do PPdeG estivo acompañada por Marta González, número 2 ao Congreso pola provincia da Coruña e “unha das mellores representantes de Galicia en Madrid”.
Ambas tiveron como anfitrión ao alcalde Javier Caínzos, do que Paula Prado destacou que o pasado 28 de maio obtivo o apoio de case 3 de cada 4 dos seus veciños e que isto o converte no alcalde do PP máis votado da provincia.
“Javier representa á perfección o que queremos para España: un apoio masivo para Alberto Núñez Feijóo; un apoio útil, concentrado no Partido Popular, que nos permita facer realidade o cambio que precisa España”, concluíu. Departamento de comunicación