REDACCIÓN | O vindeiro 6 de xullo o Parlamento Europeo acollerá a conferencia “O accidente de Angrois, 10 anos despois: Temos avances en seguridade ferroviaria?”, que organiza a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, co apoio do grupo parlamentar no que está integrado o Bloque, -o grupo Verdes-ALE. “Temos moitas preguntas enriba da mesa, dez anos despois do accidente e catro tras a apertura do procedemento de infracción por parte da Comisión Europea contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria”, sinala Miranda.
Na conferencia participará unha nutrida representación das vítimas do accidente, -moitas delas pertencentes á Plataforma Víctimas Alvia 04155- así como a Comisión Europea, representada polo Director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte, Kristian Schmidt, e a Axencia Ferroviaria Europea (ERA), representada por su Director Executivo, Josef Doppelbauer, que falarán de seguridade ferroviaria en Europa: infraestrutura, avaliación de riscos e infraccións, nun panel no que tamén intervirá o presidente da Plataforma de Víctimas, Jesús Domínguez.
A conferencia tamén abordará os dereitos dos pasaxeiros e os dereitos laborais ferroviarios en Europa, nun panel no que intervirá o secretario xeral do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (SEMAF), Diego Martín Fernández, así como a Federación de Transporte Europea. “A Axencia Ferroviaria Europea afirmou no seu informe de 2016 sobre o accidente que non foi só casusado por un erro humano do maquinista senón que hai causas profundas do mesmo, e que aos usuarios do tren Alvia vendéuselles un billete de alta velocidade que en realidade non o era, por faltar condicións de seguridade como o ERTMS ou o freado automático", manifesta a eurodeputada galega....
Dereito á verdade
Ademais, na xornada de traballo tratarase a longa loita pola verdade e a xustiza así como a impresentable falta de asunción de responsabilidades políticas por parte do Goberno español. Este tema abordarase nun panel no que intervirán a vítima e ex-deputada do PP da Asemblea de Madrid, Teresa Gómez-Limón, ademais das vítimas Esperanza Fernández Iglesias e Silvia Buitrago Valbuena.
“A cidadanía ten dereito saber que medidas se puxeron en marcha, se é que se puxo algunha, para evitar que aconteza outro accidente como o de Angrois”, salienta a eurodeputada do Bloque. “Desde o BNG non imos deixar de apoiar ás vítimas, nin de loitar por coñecer a verdade, nin de traballar para que non se produza outro accidente semellante e que haxa responsabilidades políticas polo accidente. Por esforzo e traballo non vai quedar”, subliña Ana Miranda, quen conclúe que na conferencia “queremos honrar a memoria das 81 vítimas de Angrois, o accidente ferroviario mais grave dos últimos 30 anos en Europa”. Departamento de comunicación