REDACCIÓN | Paula Prado asegura que a campaña electoral do PPdeG de cara ao 23 de xullo será en positivo e “propoñéndolle á xente unha España que sexa coma Galicia: con estabilidade, xestión e moito sentidiño”. Reivindicando que, ao igual que na campaña que deu á formación o triunfo nas eleccións municipais, o PP conta nesta ocasión cos mellores candidatos ao Congreso e o Senado.
“Auténticos números 1 como Miguel Tellado, Francisco Conde, Ana Vázquez ou Ana Pastor, que, co resto de candidatos, vanse deixar a pel e darán todo de si mesmos desde Galicia para que chegue o cambio ao Goberno de España”, engade a directora de campaña e número dous dos populares galegos.
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, volverase implicar día a día apoiando aos candidatos nas catro provincias e nos 313 concellos. Estará nas sete cidades e tamén nas vilas, falando de “como o proxecto popular vai traer un cambio a toda España”.
Así mesmo, participará no acto central de campaña o próximo 9 de xullo na Praza de Touros de Pontevedra, que estará encabezado polo presidente do PP nacional e candidato á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo.
Un PSOE desaparecido e un BNG que apoiu a Sánchez a cambio de nada
Paula Prado contrapón o proxecto e a campaña do PPdeG a un PSdeG “totalmente desaparecido, aínda sen coñecer ao seu líder e rendendo honores a Sánchez ata o último minuto”. De feito, considera que “se de alguén foron culpa os agravios do Goberno central á nosa Comunidade foi dos socialistas galegos, que en ningún momento lle reclamaron ao seu amado líder que deixara de desprezar a Galicia”.
Así mesmo, a secretaria xeral dos populares galegos afea ao BNG que estea “inventando debates sen candidatos para tapar e intentar xustificar o seu apoio ao Goberno central durante cinco longos anos a cambio de nada”. Ironizando neste sentido en que os nacionalistas “nin sequera foron enganados por Sánchez, senón por Adriana Lastra”.
”Paula Prado conclúe que “é o momento de que Alberto Núñez Feijóo se converta no presidente de España, de que o Partido Popular reciba un apoio masivo dos galegos e das galegas, de mudar o sectarismo de Sánchez por un proxecto que acolla o sentir da cidadanía, de deixar de aliarse co independentismo para aliarse con toda a cidadanía e de que Galicia volva contar para o Goberno central”. Departamento de comunicación