REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou hoxe en Ferrol as propostas que defende o BNG para a construción naval, que definiu como “un sector estratéxico en Galiza”. No acto estivo acompañada polo cabeza de lista ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego.
“A historia do sector naval en Galiza é a historia dunha discriminación permanente na que as forzas estatais, PP e PSOE, levan décadas alternándose na discriminación dos estaleiros galegos”, declarou a líder do BNG. Pontón engadiu con contundencia que “un País con futuro é un País que fortalece a súa industria, e Galiza ten moitísima capacidade industrial pero agora mesmo está desaproveitada”.
A portavoz do Bloque puxo como exemplo desa discriminación o PERTE do naval, que cualificou como “unha tomadura de pelo para Galiza, un paripé para cubrir o expediente, que só demostra até que punto en Madrid non están interesados no sector naval galego pese a que é estratéxico para este País, tanto no caso de Ferrol como no de Vigo”.
“O investimento público previsto polo Estado é ridículo” denunciou Pontón, que indicou que “310 millóns de euros é unha cantidade ínfima para o obxectivo que se proclama de modernización e transformación do sector”. “Estamos falando dunha cantidade que non chega nin ao 0,5% dos 70.000 millóns de euros que o Estado español recibe en fondos Next Generation”, explicou.
Pontón urxiu a necesidade de “defender o sector naval galego ante o Estado a través dun grupo galego forte do BNG no Congreso que faga valer Galiza”. “O que está claro é que as forzas estatais, o bipartidismo de sempre, vai seguir ignorando a un sector produtivo estratéxico para o noso País e non nos vai permitir avanzar nin afrontar novos desafíos” indicou.
Medidas do BNG
Para situar o sector naval en primeiro plano da axenda estatal, o BNG propón un grupo de medidas concretas a defender no Congreso. A primeira delas céntrase en reformular o PERTE do naval e dotándoo de máis investimento para que sexa realmente un instrumento válido para a transformación e modernización do sector.
A segunda das medidas baséase na transferencia a Galiza da xestión directa dos fondos que lle correspondan dese PERTE. “Ten que ser, polo menos, o 50% do total, tendo en conta que o 50% de todas as empresas do sector naval do Estado están en Galiza”, indicou Pontón.
A terceira fundaméntase na aposta pola modernización e o impulso dos estaleiros a través dun centro tecnolóxico para o sector naval, tanto en Ferrol como en Vigo. Finalmente, e en relación á cuarta medida, Pontón quixo deixar claro o seu compromiso de que “un grupo galego forte do BNG no Congreso defenderá como prioridade a posta en marcha dun complexo integral do sector naval para Navantia Ferrol que lle permita aos estaleiros desta comarca ser competitivos en todos os segmentos de actividade”. “Será un complexo integral que aposte por un modelo naval competitivo en todos os ámbitos, diverso, e que multiplique a capacidade de captar clientes en todos os ámbitos do mercado naval mundial”, explicou a portavoz nacional.
“En definitiva, este 23 de xullo imos a por todas co obxectivo de ter un grupo galego forte en Madrid para facer valer os intereses dos galegos e as galegas ante o Estado” declarou a líder nacionalista. “É o momento de poñerlle solucións aos nosos problemas e de facer que o sector naval, tan importante nesta comarca de Ferrolterra, avance con forza”, indicou. “A voz que defenderá Galiza sen ataduras é a voz do BNG”, concluíu.
Néstor Rego
O portavoz e cabeza de lista ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego, sinalou que o BNG leva "moitos anos reclamando a urxencia de reverter a crise que padece e poñer os medios para beneficiarnos da potencialidade do sector naval" e, neste sentido, lembrou as emendas que presentou no Congreso encamiñadas a "dotar dunha partida suficiente que ciframos en 100 millóns de euros para converter Navantia nun complexo industrial integral que diversificase a actividade e incorporase de forma clara a construción naval civil porque é onde está o futuro", proposta que recibiu, como dixo, o voto en contra de PP, PSOE e Unidas Podemos. Criticou tamén a xestión centralizada dos fondos europeos, do PERTE do naval que, penaliza Galiza porque se reducen fondos cando o peso do sector é máis importante.
Fronte ás demandas do BNG, Rego denunciou que o PP e o PSOE se alternasen no goberno "na discriminación do país e no esmorecemento do sector naval que leva tempo perdendo impulso, postos de traballo e oportunidades para a comarca de Ferrol e para este País”.
Anunciou Néstor Rego que o BNG continuará insistindo na necesidade de apostar polo futuro do naval co fin de conseguir recursos para incorporar a construción naval civil, para diversificar a actividade, ter máis capacidade na reparación e tamén para poñer en marcha un Centro Tecnolóxico que, como destacou tamén a portavoz nacional, “é fundamental para a modernización e desenvolvemento do sector”. Departamento de comunicación