REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou á mobilización masiva das galegas para encher as urnas de votos ao BNG e dar unha “resposta contundente” ao PP de Feijóo que asume o negacionismo machista da extrema dereita. “Cada escano máis do BNG é un escano menos a Feijóo, aliado dos ultras que negan a violencia machista”, salientou nun acto celebrado con mulleres diante da emblemática escultura das Marías.
“A violencia machista existe e mata, intentar negala, intentar invisibilizala como fai Feijóo cos pactos da vergoña coa extrema dereita é protexer ao agresor fronte á vítima, é unha indecencia política e moral”, denunciou, na Alameda compostelá acompañada das cabezas de candidatura por Pontevedra e Ourense, Carme da Silva e Noa Presas, así como pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Logo do recordar ás últimas vítimas asasinadas por violencia de xénero, subliñou que os pactos do Partido Popular con Vox “desprotexen ás mulleres e dan alas aos agresores e ao machismo que mata, porque non se pode loitar contra algo que se nega que exista”. Por iso, acusou a Feijóo cruzar “todas as liñas vermellas” e emprazouno a explicar ás mulleres por que acepta as posicións da ultradereita, desprotexéndoas fronte unha violencia que mata a 53 mulleres cada ano.
“En Galiza coñecemos ben ao candidato do PP, é o mesmo que financiaba a Rede madre antiabortista que lle nega ás mulleres o dereito a decidir cando ser nais; o mesmo que financiaba os colexios do OPUS Dei que segregan por sexo; o mesmo candidato Feijóo que recortou as axudas ás vítimas de violencia machista ou que votaba en contra de reclamar xulgados específicos de loita contra a violencia machista en todas as cidades galegas”, salientou.
Para frear a involución en dereitos e liberdades da alianza Feijóo coa extrema da dereita, a líder do Bloque fixo un chamamento ás mulleres e de todo o movemento feminista galego que foi exemplo de loita enchendo as rúas con manifestacións multitudinarias para que voten masivamente ao BNG a favor dunha Galiza que combata a violencia contra as mulleres polo mero feito de selo.
Fronte ao retroceso dos “pactos da vergoña”, un grupo galego forte con deputadas e deputados do BNG polas catro provincias defenderá unha Galiza de mulleres “libres e iguais”, con xulgados específicos de loita contra a violencia machista en todas as cidades, sostivo. O Bloque actuará como “muro de contención” ante a caverna que representa “ese PP ultra de ganchete coa extrema dereita machista e antigalega”, recalcou.
Perdeu a cidadanía
Preguntada polo debate electoral entre os candidatos das forzas estatais, Pontón recalcou que tras o cara a cara do “vello bipartidismo” que “só deixou barullo” aínda é máis necesario un debate en clave galega ao máximo nivel en prime time na TVG, tal e como propuxo o Bloque. “Pídolle ao PP que levante o veto porque nunha democracia non se pode fuxir do debate, que é a súa esencia e un dereito da cidadanía”, apuntou.
Os galegos e as galegas teñen dereito a coñecer cales son as propostas das forzas políticas para defender Galiza en Madrid, para facer valer os intereses deste País ante o Goberno do Estado. “Perderon os dous homes que estaban no debate e, sobre todo, perdeu a cidadanía, que viu como o bipartidismo non ofrece nada salvo barullo. Non creo que ninguén sacara nada en limpo”, concluíu sobre o cara a cara entre Sánchez e Feijóo. Departamento de comunicación