REDACCIÓN | O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel
Lage Tuñas, advertiu hoxe que a “verdadeira ameaza non é Vox”, senón que o PP
chegue ao goberno “sen regras e con enganos masivos” para reeditar os “recortes e
privatizacións” dos gobernos de Aznar, Bárcenas, Rato e Feijóo en Correos. Así o dixo
nun reparto de propaganda electoral en Malpica xunto co candidato do PSOE ao
Senado, Xosé Sánchez Bugallo.
O responsable socialista pediu un “voto masivo” ao Partido Socialista para “evitar que
volva o PP” da “mentira e o engano masivos” á cidadanía, para evitar a volta a esa
España “en branco e negro”, liderada polos que “saquearon” o país e “empobreceron
ás clases medias e traballadoras”.
Lage cualificou ao aspirante do PP á Moncloa de “trileiro profesional”, que na súa etapa
como presidente da Xunta triplicou a débeda de Galicia que deixara o presidente
socialista Pérez Touriño. Advertiu que ten o “triste récord” de ter conseguido que na
sanidade pública haxa listas de espera para o médico de cabeceira, “algo que non
sucedía cando chegou á presidencia da Xunta, en 2009”.
Sinalou que os socialistas galegos centrarán os últimos sete días da campaña electoral
en pedirlle un voto “útil” aos cidadáns progresistas que aposten por “un país de
dereitos e non de dereitas”. Presentou como argumento que o PSOE no goberno
afrontou unha pandemia “sen deixar a ninguén atrás”, e advertiu que “se estivera o PP
veríamos recortes sociais, nos servizos públicos e en dereitos” como na anterior crise.
Tamén subliñou Lage Tuñas a importancia de concentrar o voto no Partido Socialista
“para frear á dereita”, e advertiu que o sucedido en Estremadura constitúe un “botón
de mostra” do “contiño do PP” cando fala da lista máis votada. Atribuíuno ao
“trilerismo profesional” de Feijóo, que amosa cando “o collen nunha mentira flagrante
falando do Pegasus e nin sequera se pon colorado”. Departamento de comunicación