REDACCIÓN | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mantivo hoxe unha reunión de traballo co grupo de deputados e senadores nas Cortes Xerais, á que tamén asistiron os secretarios provinciais e o responsable de organización, José Manuel Lage, para analizar o contexto político que rodea ao arranque da nova lexislatura. Formoso sinalou que o obxectivo principal dos socialistas galegos consistirá en “facer que prevalezan os intereses dos galegos” e que se traduzan en compromisos nos Orzamentos Xerais do Estado.
O número un do PSdeG-PSOE puxo de relevo que se acaba de abrir unha “lexislatura difícil”, na que os equilibrios parlamentarios van a ser “moi necesarios”, e nese marco os socialistas galegos están decididos a ser “moi proactivos” e tamén “moi construtivos nas propostas que fagan outros grupos”, pero sen perder de vista que, por riba de todo, teñen facerse valer os intereses xerais dos galegos e galegas.
Formoso chamou a atención sobre o “teatrillo fake” que está a facer Feijóo por todo o Estado, cando sabe que a súa “vai ser unha investidura fallida”. Advertiu dos prexuízos que iso lle causa ao país, nun momento en que España está a presidir a Unión europea e teño que facer cun presidente en funcións, cando xa podería estar investido para empezar a gobernar con plenas capacidades.
Con todo, dixo que “esperamos que se produza” esa nova investidura de Pedro Sánchez para conformar un novo goberno de progreso, o que a súa vez permitiría que os compromisos dos socialistas con Galicia teñan “reflexo” xa nos próximos Orzamentos Xerais do Estado.
Primarias
A preguntas dos xornalistas, Formoso tamén aludiu ao adiamento das primarias para elixir o candidato dos socialistas á presidencia da Xunta de Galicia. Recalcou que a preocupación que ten o PSOE en sacar con éxito unha investidura para conformar un goberno obrigou non só a pospoñer as primarias galegas, senón tamén outros procesos orgánicos, como o congreso que tiña previsto polo PSC, e que se retrasará ata o Nadal.
“Estamos centrados á espera de que se resolva a investidura”, abondou Formoso, quen dixo que as primarias “é o método estatutario” que teñen os socialistas para elixir aos seus candidatos e que se manterá de todos os seus xeitos. Ao mesmo tempo, o PSdeG está preparando ao mesmo tempo “a maquinaria” para afrontar unhas eleccións autonómicas que Rueda vai convocar non en función dos intereses dos galegos, senón “cando máis lle interese ao Partido Popular”, pois o mandatario da Xunta está “ausente” das súas funcións e dedícase “mirar de reollo ás indicacións” que lle dá Feijóo dende Madrid.
Diálogo
Respecto ao diálogo con forzas independentistas e ao debate aberto en torno á amnistía, o dirixente socialista defendeu que “é necesaria unha fórmula que todo o mundo comparta”. Reivindicou que o PSOE “sempre arriscou nos avances do país”, propoñendo cambios “que foron difíciles, pero que fixeron avanzar”, como foron o ingreso na OTAN ou na UE, ou o diálogo con ETA, que permitiu acabar co terrorismo en España.
“O diálogo como método e a Constitución como marco”, engadiu Formoso como condicións previas para entenderse coas demais forzas políticas. “Non pode imperar o cinismo cando falamos de estabilidade institucional”, dixo, recriminando que Feijóo se levantara logo das eleccións dicindo “que vai falar con Junts e con Puigdemont” e logo se botara atrás por presións internas ou que recrimine a quen da eses pasos. Departamento de comunicación