REDACCIÓN | Na Comisión de Pesca celebrada hoxe a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu o reforzo das medidas de seguridade marítima internacional e alertou dos problemas que aínda supoñen as bandeiras de conveniencia en zonas sensibles como o corredor marítimo de Fisterra. Subliñouno como relatora dun “Proxecto de Opinión” da Comisión de Pesca para a Comisión de Transportes e Turismo sobre a proposta de Directiva do Parlamento Europeo e do Consello pola que se modifica a Directiva 2009/21/CE, sobre o cumprimento das obrigas do Estado de abanderamento.
A eurodeputada nacionalista lembrou que a raíz da catástrofe do Prestige, -ocorrida en novembro de 2002 e de graves consecuencias para Galiza-, a Comisión Europea tivo que desenvolver un paquete de seguridade marítima no ano 2009, “e hoxe estamos na revisión desas normas”, apuntou, xa que aínda que a Comisión considera que en xeral esta Directiva foi axeitadamente trasposta polos Estados Membros pero non se mantivo plenamente actualizada respecto aos avances no ámbito da Organización Marítima Internacional (OMI) e sigue habendo incoherencias en relación coas inspeccións e o control.
Comunidades pesqueiras
Ana Miranda defendeu ademais que se teñan en conta as consecuencias nas comunidades pesqueiras xa que ao seu xuízo a Directiva sobre o Estado de abanderamento ten unha gran importancia para as comunidades pesqueiras. Neste sentido, considera que os pavillóns de conveniencia, -como era o Prestige-, causan problemas importantes problemas en materia de seguridade, condicións de traballo, trazabilidade dos produtos da pesca e condicións de competencia equitativas.
“O que pasou co Prestige e o clamor do Nunca Máis puxo en evidencia que fan falta medios, leis de protección para o salvamento marítimo e que se teña en conta que o Corredor de Fisterra é unha zona altamente sensible por que pasan moitos barcos con bandeira de conveniencia”, sinala Miranda. Ao respecto recordou que, precisamente, a catástrofe do Prestige puxo de manifesto importantes deficiencias na resposta do Goberno español -sinaladas na Resolución do Parlamento Europeo posterior ao accidente- e disparidades dentro da Unión Europea en materia de seguridade marítima. Departamento de comunicación