REDACCIÓN | A través dunha pregunta parlamentar, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, traslada á Comisión Europea a posible vulneración da normativa europea na ampliación da AP9, lembrando que en agosto de 2023 entrou en vigor a última prórroga da concesión desta autopista AP-9 (Galicia), que estará en vigor até 2048.
“É un escándalo que os galegos e galegas teñamos que estar pagando 25 anos máis pola AP9 por culpa da prórroga que fixo no 2000 un goberno do PP, afondando na discriminación de Galiza”, denuncia a eurodeputada do Bloque, quen no documento enviado á Comisión Europea pregunta en que situación se atopa o procedemento de infracción iniciado no 2021 referido a ese período de explotación extra, sen ter convocado unha licitación pública.
En concreto, no documento Miranda pregunta á Comisión se considera que esa prórroga extra vulnera a lexislación europea sobre competencia e se pensa que esa concesión debe finalizar xa. “Esta prórroga é unha decisión inadmisible que só beneficia á empresa concesionaria”, manifesta ao respecto, ao tempo que se pregunta “que intereses escuros ten o Partido Popular para tomar esta decisión que prexudica a todos os galegos e galegas”.
Traballo continuo
A eurodeputada nacionalista salienta o traballo continuo desenvolvido polo BNG coa presentación de diversas iniciativas tanto no Parlamento Galego como nas Cortes para conseguir o dobre obxectivo de conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes. Neste sentido apunta que outras autoestradas no Estado coa mesma antigüidade que a AP-9 son xa gratuítas.
Ademais Miranda tamén quere destacar a constante preocupación de “En Colectivo”, unha asociación que tamén leva anos traballando tanto coa presentación en Bruxelas da demanda contra a prórroga e pedindo a investigación sobre a súa legalidade como pola reclamación das peaxes cobradas desde 2013. Departamento de comunicación