REDACCIÓN | O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “actuar como oposición” buscando “provocar un problema onde non o hai” coa Lei do Litoral para confrontar co Estado. O responsable socialista criticou o acto convocado este sábado polo PP “con medios do goberno” baseado en “mentiras clarísimas” e demostrando que “confunden o goberno co partido”.
Advertiu que o presidente da Xunta está “xogando coa incerteza e xerando unha alarma que non existe”, que pode poñer “en risco investimentos empresariais e futuros empregos” na costa galega porque están “buscando desesperadamente un problema onde non o hai”. Así o dixo en alusión ao conflito xerado polo goberno galego coa aprobación da Lei do Litoral, que vén de ser recorrida diante do Tribunal Constitucional en base a un informe do Consello de Estado.
O responsable socialista sinalou que, en contra do que está a afirmar o goberno galego, “non existe ningún problema con ningunha concesión ou prórroga na costa galega”. Explicou que todas e cada unha das concesións relacionadas coas actividades empresariais se teñen renovado “a excepción dunha que deu a Xunta, que é quen deberá explicar” os seus motivos.
Torrado pediulle ao PP que muden a súa estratexia e colaboren na busca da transferencia da competencia no dominio público marítimo – terrestre que, engadiu, “se quixera sería todo moi fácil”. Tirou de hemeroteca para lembrar a vía da transferencia desta concesión a través da reforma do Estatuto que iniciaran os socialistas galegos no goberno de Pérez Touriño pero, advertiu, “chegou o comandante e mandou parar”, en alusión ao veto de Feijóo a aquela vía.
Sinalou que dende entón, e coa chegada de Feijóo ao goberno galego, o PP frustrou todos e cada un dos intentos dos socialistas por acadar a transferencia desta competencia xustamente ata a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, cando pasaron a empregalo como arma de confrontación política.
Criticou que Rueda “nin sabe nin quere ser presidente da Xunta”, e esixiulle que “a lo menos xestione” dende o goberno galego e deixe de traballar “como ferramenta, como arma ou como instrumento contra o goberno do Estado para facer o que lle mandan dende Madrid”. Esixiulle que “se alonxe de buscar problemas e comece a buscar solucións”.
Peaxes na sombra
Apuntou que a busca de elementos de confrontación baseados en falsidades está a ser unha constante do goberno galego, que fixo coa Lei do Litoral o mesmo que leva anos facendo xerando alarma pola imposición de peaxes nas autovías que non vai chegar. Máis alá diso, advertiu que agora é o Consello de Contas o que vén de advertir que o PP estalle a pagar peaxes na sombra ás empresas, revisando contratos e concesións “sen que se saia por que e como”.
Criticou que o que están a facer é buscar vías para “pagarlle ás empresas amigas a través de medios que se están a demostrar non transparentes e moi pouco eficientes”, e demostrando que “entre os amigotes das multinacionais e os cidadáns, o PP sempre escolle beneficiar ás empresas amigas”.
Reclamoulle ao goberno galego que “resolva e non busque problemas co Estado”, antes de afearlle a súa resposta á crise migratoria en Canarias, que cando o goberno anunciou que desprazaría parte dos migrantes a Galicia “o único que soubemos da Xunta é que se queixou e pediu revisar criterios”. Engadiu que “non todo se compra con cheques regalo”, porque “a decencia non ten prezo” e criticou que “poñan en dúbida cuestións de humanidade tan claras”. Departamento de comunicación