El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

SILLEDA | EXPOBUSIBERIA

Auténticas xoias na exposición de clásicos de ExpoBus Iberia 2023

06-11-2023 11:17:05
Clásicos de ExpoBus Iberia, en Silleda.

REDACCIÓN |  A III Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2023, a cal se celebrará do 16 ao 18 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, permitirá aos seus visitantes viaxar ao pasado a través dunha exposición de autobuses clásicos. Na súa maioría poderanse ver nunha área propia, pero tamén haberá algún no stand dun expositor e varios no exterior dos pavillóns, para recibir aos visitantes. 

Nesta mostra poderán verse vehículos espectaculares, como un dos primeiros autobuses que existiron no mercado, un Ford T de 1908 que contaba con 12 asentos aínda de madeira, ou un Hispano Suízo T-69 de 1935 pero que non puido ser carrozado e matriculado ata 1941 debido á Guerra Civil. Este último, que segundo os datos dos seus propietarios é o único deste modelo que se conserva na actualidade, diferenciaba tres clases. A terceira contaba con 20 prazas no teito e estaba ocupada por pasaxeiros que eran os que tiñan que baixarse a empuxar o autobús no caso de que este non puidese subir unha costa. 

Entre eles tamén haberá outros orixinais vehículos dende a década do corenta ata os oitenta. Algúns eran autobuses de luxo adiantados ao seu tempo e con extras da época, como floreiros de porcelana pintada a man na parte central do parabrisas, butacas en moqueta, reloxo para viaxeiros, equipo de radio con micrófono ou cristais alpinos que permitían unha visión panorámica.  

Outros tamén foron pioneiros. Entre eles un vehículo de reducida dimensión que se presentou no Salón de Xenebra de 1955 como o primeiro autobús compacto e cuxa luxosa estética e gran superficie acristalada converteuno no preferido das compañías chárter e dos primeiros turistas europeos da época; ou un modelo de 1968 moi completo, con butacas reclinables e desplazables, calefacción, revisteiros, suspensión independente dianteira ou equipo de música con dous micros. 

Ademais de polas súas características e equipamento, algúns tamén destacan polos viaxeiros que o ocuparon, como equipos de fútbol ou empresarios sauditas; ou polos seus primeiros propietarios, entre os que figuran o parque móbil de Ministerios de Madrid ou Iberia Líneas Aéreas Españolas. 

Algúns adicáronse ao longo percorrido tanto por España como realizando viaxes a Francia, Portugal, Italia ou Países Baixos, mentres que outros prestaron servizo en liñas regulares e roteiro escolar.  


Autobuses de película 

Estes vehículos poden circular e en moitos casos alúganse para acontecementos e celebracións, participando algúns en recoñecidas películas como Palmeras en la Nieve ou A Esmorga; en series como Velvet ou Dalia a Modista; ou en anuncios publicitarios ou eventos promocionais de entidades como a Once ou Bimba y Lola. 

Estes magníficos vehículos pertencen a seis empresas que dedicaron moito tempo, esforzo e enxeño para restaurar estes autocares, converténdoos en auténticas xoias sobre rodas. Son de Empresa Cuiña e Transportes Mosquera (ambos do grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Empresa Lázara e Autocares de Santiago. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias