El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón, en referencia ao pacto BNG-PSOE: "Só asinamos un acordo de investidura"

06-11-2023 16:04:48
Ana Pontón (d), e María Jesús Montero.

REDACCIÓN | O apoio do deputado do BNG Néstor Rego á investidura do candidato socialista Pedro Sánchez inclúe 22 puntos centrados en infraestruturas, autogoberno e lingua galega e unha serie de compromisos para a capital galega, entre os que se inclúe un financiamento extra ao Consorcio de Santiago de Compostela.  

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a ministra de Facenda e vicesecretaria do PSOE, María Jesús Montero, asinaron no Congreso o acordo de investidura polo que o BNG blinda a Galiza ante calquera discriminación, garantindo que terá un trato igualitario en materia de condonación de débeda. O acordo tamén recolle un importante paquete de medidas que supoñen mellorar a vida dos e das galegas en infraestruturas, servizos públicos e benestar social, con actuacións concretas como a rebaixa das peaxes, o aumento das pensións máis baixas, cinco novos xulgados para loitar contra a violencia machista ou a implantación do tren de cercanías. 

Con este acordo, indicou Pontón tras a sinatura, “imos mellorar a vida das persoas e garantimos que vai haber un trato igualitario en materia de condonación de débeda”, explicou, destacando que se trata “dun acordo positivo para Galiza que demostra que o BNG fai a política útil que mellora as condicións de vida da cidadanía”. 

A líder do Bloque amosou a súa satisfacción por un acordo que significa un gran avance para a axenda galega ante o Estado, indicando que, de feito, o BNG está facendo o traballo que non é capaz de facer o actual presidente da Xunta, que só ofrece “mentiras e crispación”. 

“Creo que calquera galego, votase o que votase nas pasadas eleccións, hoxe sente a satisfacción de que os asuntos do noso País teñen peso, de que se vai avanzar en temas importantes como é o ferrocarril, como é a mellora das pensións, como crear máis xulgados de violencia de xénero, como é mellorar as prestacións que recibe a xente do común”, resaltou. Fronte a estes logros, lamentou, “é triste ver como o presidente da Xunta na vez de estar contento e satisfeito por que a axenda galega avance, está enfadado e negando a realidade”. 

O acordo, explicou, demostra unha vez máis a importancia de ter unha forza política coas mans libres para poder defender os intereses da cidadanía, ademais de “contribuír” a ter unha alternativa diferente ao que representa a dereita e a estrema dereita no Estado español”. 

A portavoz nacional indicou que este é un acordo de investidura non de lexislatura. “Asinamos un acordo que nos compromete única e exclusivamente a ese voto a favor na investidura, igual que fixemos na pasada lexislatura, e  temos vontade de dialogar e de acordar, pero sempre cunha posición que é a defensa dos intereses dos galegos e as galegas e polo tanto só nos vincula coa investidura”, explicou. 

Pontón tamén aclarou que, no relacionado á garantir o mesmo trato para Galiza ante calquera quita na débeda a outras comunidades, sería incomprensible que o goberno de Rueda se opuxera a negociar un recorte análogo para este País, e recordoulle que hai un acordo unánime do Parlamento galego nese sentido aprobado no  recente debate da nación. 

“É unha proposta na que literalmente pediamos que se había quitas da débeda, a Galiza se lle tiña que dar exactamente o mesmo trato que ao resto das comunidades autónomas, polo tanto,  non entendo é que o presidente da Xunta, na vez de estar defendendo os intereses dos galegos e galegas, estea ao servizo da estratexia partidista que articulou o PP dende Génova, en Galiza non se entende”. 

Porque, insistiu, o acordo recolle que no caso de que se faga algunha redución de débeda a outras CCAA, con independencia de se utilizou  o FLA ou non, ten que haber un trato igualitario a Galiza, “e paréceme triste  ver ao PP negando a realidade, en todo caso, o BNG non vai permitir ningunha discriminación con Galiza”, concluíu, indicando que o PP “aínda ten que explicar as razóns polas que prefería endebedarse maioritariamente coa banca privada aínda pagando máis antes que usar os mecanismos de financiamento que facilitaba o Estado”. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias