REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, subliñou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demostra que “só acerta cando rectifica” ao sumarse agora a reclamar a quita da débeda e subliñou que o acordo de investidura do BNG garante a igualdade de Galiza e soluciona un problema que creou o PP, quen triplicou a débeda e decidiu financiarse coa banca privada na vez de acudir aos fondos públicos, que eran moito máis vantaxosos para o País.
Pontón advertiu que a débeda representa o 10% dos orzamentos da Xunta para 2024, 1.512 millóns de euros, o que supón a terceira partida de gasto máis alta, logo da sanidade e a educación, polo que destacou a importancia do acordo que permitirá a Galiza reducir a débeda e dedicar menos recursos dos galegos e as galegas a pagar xuros e máis ás políticas sociais.
A líder nacionalista afirmou que o presidente do Executivo galego quedou neste tema “fóra de xogo e desconcertado”, ao dicir primeiro que Galiza non necesitaba reducións de débeda e confirmar agora que si se vai acoller á quita. “Alégrome desta rectificación do señor Rueda”, recalcou para engadir a continuación que non se pode xogar co futuro e a economía do País.
Pontón lamentou que o presidente da Xunta leve os últimos días “facendo o imposible” por criticar un acordo que é beneficioso para os galegos e as galegas. “Son boas noticias para Galiza, pero as boas noticias para Galiza son malas noticias para o PP”, afeou, para a continuación atribuír o enfado de Rueda a que o pacto do BNG demostra a súa incapacidade política para defender os intereses galegos e “é o Bloque quen fai avanzar a axenda galega” no Estado.
Neste sentido, emprazou ao titular do Executivo galego a poñerse a traballar e non poñerlle paus ás rodas a un acordo que é beneficioso para Galiza, única e exclusivamente porque o conseguiu o BNG. “O que lle pedimos ao PP e ao señor Rueda é que se non son capaces de aportar, non boicoteen o avance do noso País”, reclamou.
A portavoz do Bloque presentou en Vigo xunto ao deputado Néstor Rego e o portavoz municipal Xabier Pérez Iglesias os beneficios do acordo para a cidade que, segundo salientou, vai mellorar a súa mobilidade grazas a importantes actuacións en materia de infraestruturas.
Pontón destacou os novos descontos na AP-9, unha rebaixa nas peaxes que considerou especialmente importante nun contexto de crise de prezos para a economía de miles de persoas que empregan a diario esta autoestrada.
A isto sumou a posta en marcha dun servizo ferroviario de proximidade en Galiza que dá prioridade ao tramo Vigo-Pontevedra, a mellora das conexións con Portugal a través da saída Sur por tren ou o impulso do Corredor Atlántico, actuacións todas elas que demostran a política útil que practica o BNG e a importancia de contar cunha forza política propia que antepoña os intereses dos galegos e as galegas e non dependa do centralismo. “Galiza gaña e Vigo gaña con este acordo”, concluíu. Departamento de comunicación