El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "Rueda fai de fiel recadeiro do PP de Madrid"

13-11-2023 18:45:18
Ana Pontón (c).

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na Coruña o acordo de investidura do BNG que impulsa a axenda galega no Estado e mellora a vida das persoas, mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “está de manifestación facendo o que lle mandan dende o PP de Madrid, pero sen conseguir absolutamente nada para Galiza”. 

Na presentación do acordo de investidura na cidade herculina xunto ao deputado Néstor Rego e o portavoz municipal, Francisco Jorquera, Pontón advertiu que Rueda puxo o PP de Galiza ao servizo da estratexia do PP de Madrid, “que está medito de cheo nesa estratexia de confrontación e división” e lamentou que mentres o presidente da Xunta “fai de fiel recadeiro do PP de Madrid, todos aqueles asuntos que son importantes para o noso País están sen resolver”. 

A portavoz do BNG sospeita que o titular do Executivo galego “pensa que con toda esta crispación e confrontación lle podo servir para ocultar o desastre que nos está deixando no noso País” e reprobou que non haxa un Goberno galego que está pensando como mellorar a vida das persoas, “senón que está secuestrado pola estratexia do PP de Madrid”. 

Isto demostra para a líder nacionalista que é preciso un cambio de Goberno urxente neste País que, dixo, “sexa liderado pola única forza coas mans libres para defender os intereses dos galegos e as galegas”. “Isto é no que estamos centradas no BNG”, concluíu. 

Posteriormente, na entrega en Santiago dos avais da militancia para presentar a súa candidatura á presidencia da Xunta, Pontón considerou que a lei de amnistía é un mecanismo excepcional pero legal para volver ás canles políticas o que nunca tivo que ter saído delas. Neste sentido, avanzou que o Bloque acaba de recibir o texto e ten agora que analizalo, se ben rematou incidindo en que a amnistía pretende “volver á política” o que nunca debeu xudicializarse.


Ana Pontón presenta os avais 

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou no rexistro do BNG un total de 1.745 avais á súa candidatura á Presidencia da Xunta, unha cantidade de apoios que multiplica por nove a esixida no regulamento aprobado polo Consello Nacional. “Preséntome para ser a próxima presidenta da Xunta coa convicción de que este País necesita un cambio e de que o BNG é a forza política que lle pode dar o futuro que precisa”, asegurou, logo de agradecer os apoios recibidos para encarar “con máis ilusión que nunca” o reto de poder liderar o “mellor goberno da historia da democracia” en Galiza.  

“Preséntome con máis ilusión que nunca, síntome máis preparada e estou convencida de que podemos facer historia para que este País poda ter por primeira vez unha presidenta e para darlle o mellor goberno da historia”, subliñou, convencida de que na sociedade galega hai un “cambio imparable” que o BNG aspira a liderar. 

Pontón quere ser a presidenta que “devolva a esperanza aos galegos e galegas”, a líder dun goberno “que coide da súa xente”, que aposte pola sanidade e a educación públicas, polo coidado das persoas maiores e por darlle á mocidade un futuro mellor, darlle a xente nova un País “no que van poder facer realidade os seus soños”, alegou. 

“É evidente que é necesario abrir as portas e as ventás da Xunta e este é o momento de facelo”, reiterou a portavoz nacional na presentación dos avais á súa candidatura, que agora vai ser debatida e votada pola militancia nas asembleas comarcais, tal e como se contempla no calendario dun proceso que finalizará o vindeiro 25 de novembro, día fixado para que o Consello Nacional ratifique á cabeza de cartel do BNG á Presidencia do Goberno. 

“Vou dar o mellor de min”, prometeu  Pontón á militancia do BNG e en xeral a todos os galegas e todas as galegas que pensan que Galiza precisa dun futuro mellor, que pensan que chegou o momento dun cambio na Xunta para dar relevo a un goberno do PP que, asegurou, “está totalmente entregado á estratexia de crispación e división posta en marcha por Feijóo, nun intento de tapar a súa incapacidade política para dar solución aos problemas do País”. 

“Co señor Rueda entregado a esa estratexia de crispación mentres os problemas da sanidade, a educación ou reindustrialización do País seguen sen solucionarse, é máis evidente que nunca que Galiza precisa un cambio de ciclo que o BNG aspira a liderar, porque estamos convencidos de que podemos facer historia para ter  por primeira vez unha presidenta coas mans libres que defenda os intereses dos galegos e as galegas”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias