REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG en Europa, Ana Miranda, fai un chamamento ao SERGAS a por fin a precariedade laboral denunciada polo colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo hai máis de dous anos. “É imprescindible corrixir o modelo de contratación do goberno galego na sanidade pública”, manifesta Miranda.
A eurodeputada nacionalista lembra que seis grupos políticos na Eurocámara decidiron manter aberta esta denuncia que pon sobre a mesa a vulneración da normativa europea a respecto do abuso da contratación temporal para cubrir necesidades permanentes. “Que a propia Comisión Europea recoñecera este abuso da contratación temporal significa que desde Europa se puxo en cuestión o modelo de contratación do goberno galego na sanidade pública, modelo que hai que corrixir”, sinala ao respecto.
Precisamente é a Comisión de Emprego a que fai un chamamento a resolver a cuestión de fondo, que non é outra que a precariedade, así como a respectar os dereitos dos traballadores e traballadoras, incluídos os traballadores públicos. Neste sentido a delegación de Enfermeiras Eventuais en Loita explicou a eurodeputada Tatjana Zdanoka a concatenación de contratos asinados por algunha das traballadoras desprazada a Bruxelas, até 500 en 6 anos.
Neste mesmo sentido o colectivo "Enfermeiras en loita" fai tamén un chamamento urxente para que se interveña na situación laboral actual no ámbito sanitario do estado español e insta a implantar máis medidas para poñer fin á temporalidade persistente e á precariedade laboral. A organización sinala con preocupación que, aínda despois dos procesos de estabilización impostos pola Unión Europea para a aceptación dos Fondos Europeos Next Generation, “os niveis de temporalidade do persoal sanitario seguen a ser extraordinariamente elevados”.
Incumprimentos
O emprego de contratos temporais de forma abusiva incumpre a cláusula 5 do Acordo Marco sobre o Traballo de Duración Determinada do anexo da Directiva 1999/70, así como a Resolución do Parlamento Europeo sobre a precariedade laboral aprobada en maio de 2018, entre outras directivas. Neste sentido, a eurodeputada do Bloque salienta que a denuncia continúa aberta na Comisión de Peticións “grazas ás Enfermeiras en Loita e grazas ao BNG porque queremos que se estabilicen eses traballos e eses contratos”. Departamento de comunicación