REDACCIÓN | A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que o tripartito conformado polo PSdeG, Sumar e BNG está “débil” e “tan ensimesmado en resolver as súas liortas internas” que non ten tempo de atender as prioridades dos galegos como si fai o Goberno que dirixe o presidente Alfonso Rueda e así reflexan as medidas recollidas nos Orzamentos de 2024.
Citou así o Bono Deporte para a compra de material deportivo, o Bono Comercio, o Bono Turístico, as novas axudas á dependencia, a conxelación das peaxes nas autopistas de titularidade autonómica ou o conxelación das taxas universitarias por décimo cuarto ano consecutivo. Medidas todas elas que, tal e como asegurou a número dous dos populares galegos, están “pensadas para axudar e ofrecer un respiro económico ás familias”.
Nunha visita á Praza de Abastos de Santiago de Compostela nestas semanas previas ao Nadal acompañada polo portavoz e vicesecretario de Familia do PPdeG, Alberto Pazos, e o presidente local do PP, Borja Verea, puideron comprobar de primeira man a situación que están vivindo as familias ante a subida de prezos e a dificultades para chegar a fin de mes.
“Mentres a cesta da compra está cada día máis cara e o Goberno de España segue negándose a rebaixar o IVE á carne, o peixe e as conservas; a primeira medida de Pedro Sánchez foi nomear 22 ministros e centos de asesores”, criticou Prado ao tempo que ironizaba con que o único que rebaixou Sánchez foi a representación do PSdeG no Consello de Ministros.
E, referíndose de xeito directo aos socialistas galegos, a secretaria xeral indicou que “cada vez son máis as voces que dentro do PSdeG se arrepinten da elección de Besteiro como candidato”; reprochándolle a este que “non sexa capaz nin de ter axenda propia”.
“O candidato socialista está empregado todas as institucións en mans do PSOE –como a Delegación do Goberno, a Fegamp e as deputacións provinciais– porque nin ten axenda propia nin nada que ofrecer a Galicia”, engadía recordando que o único aval de Besteiro é “ter sido o negociador da investidura de Pedro Sánchez a cambio de condonarlle a débeda a Cataluña, ceder competencias ao País Vasco e nada para Galicia”.
Paula Prado concluíu referíndose ás “liortas internas” protagonizadas ao longo desta semana por “un PSdeG que quere ir con Sumar, un Sumar que non quere ir co PSdeG e un BNG que só pensa no independentismo”. Unha situación que contrapuxo á do PPdeG: “Nós seguiremos traballando, co presidente Rueda á fronte, para poñer en marcha medidas pensadas para resolver os problemas dos cidadáns e afastadas desas liortas ás que nos teñen acostumados os partidos de esquerda”. Departamento de comunicación