REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, acusa ao xefe do Executivo de facer trampas utilizando o seu cargo, os recursos da Xunta e á TVG para facer campaña electoral como candidato do Partido Popular, nunha descarada utilización partidista de recursos públicos.
“Rueda xa non exerce como presidente senón como candidato do PP metido de cheo na súa campaña, e o grave é que está utilizando de maneira espuria o seu cargo, á Xunta e os medios públicos para a súa promoción como candidato, unha utilización partidista dos recursos públicos que é un auténtico escándalo democrático”, denunciou Pontón, indicando que nunhas eleccións “todos e todas temos dereito a competir en igualdade de condicións pero unha vez máis o PP quere facer trampas poñendo a Xunta e a CRTVG ao seu servizo”.
Pontón fixo esta denuncia desde Pontevedra de visita no Culturgal, onde participou con Suso de Toro e María Reimondez na presentación dos seus respectivos libros, Descubrindo Ana Pontón e A semente, a árbore e a froita, que analizan a figura da líder do BNG.
En todo caso, e pese a actitude tramposa do PP, a portavoz nacional amosouse convencida de que o BNG vai liderar o próximo goberno porque ós galegos e ás galegas “xa non lles cola” a propaganda dun candidato que anuncia agora que vai facer o que non fixo en catorce anos. “Hai unha maioría social que está cansa de promesas que non se compren e quere pasar a páxina de catorce anos de retroceso dun PP que deixa unha Galiza peor da que atopou”, alegou.
En declaracións aos medios, a portavoz nacional indicou que o BNG está preparado para afrontar as eleccións galegas sexan cando sexan, e destacou que a convocatoria non a vai fixar o presidente da Xunta. “Se me preguntan cando van ser as eleccións, a única certeza que teño é que a data vaina decidir o PP desde Madrid, porque a submisión de Rueda é tal que nin sequera é capaz de marcar a cita electoral”, alegou.
Pontón amosouse convencida de que cando se abran as urnas “haberá un cambio de ciclo liderado polo BNG que nos vai permitir poñer en marcha un proxecto de futuro para o País, abrir as portas e as ventás para que entre aire fresco e, desde logo, dar paso á mellor Galiza”. A líder do Bloque destacou que é necesario “reflotar” Galiza da desfeita provocada por catorce anos dun goberno do PP entregado ao centralismo madrileño.
“Neste momento temos un presidente irrelevante desde o punto de vista político, incapaz de defender os intereses dos e das galegas ante o Estado, incapaz de conseguir investimentos, avanzar en infraestruturas ou en autogoberno, con cero novas competencias”, denunciou Pontón, poñendo como exemplo máis recente o fracaso de Rueda á hora de lograr a xestión do litoral, que si conseguiron outras CCAA como Andalucía, Canarias ou Baleares.
Por iso, avanzou, o Bloque volve levar ao pleno do Parlamento un proxecto de lei para reclamar a transferencia do litoral, pero facendo as cousas ben, “e agardamos que esta vez Rueda vote a favor”, concluíu na súa visita ao Culturgal, “unha cita imprescindible coa nosa cultura no que desfrutar da literatura, cinema, teatro, música e de todas as manifestacións artísticas dos nosos creadores e creadoras”. Departamento de comunicación