REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou hoxe Parlamento Europeo o desastre medioambiental das verteduras de pelets plásticos na costa de Galiza e a falta de acción do goberno galego do PP. “Trasladamos a nosa preocupación e consternación debido ao desastre medioambiental que se está producindo na costa de Galiza debido á chegada de millóns de pelets para a fabricación de plásticos procedentes dun buque portacontedores Toconao, -buque de bandeira de conveniencia de Liberia- que navegaba no Corredor Atlántico fronte á costa de Portugal. Esta marea branca é un problema europeo”, destacou Miranda.
Fronte a este desastre ecolóxico que afecta a costa galega de norte a sur, coa chegada de pelets desde A Guarda á Mariña, e que volve representar unha enorme ameaza para o entorno natural, fauna mariña, para a pesca de baixura e para a conservación medio ambiental, a eurodeputada do Bloque subliña que é fundamental a aplicación de medidas urxentes por parte das distintas institucións. Así, explicou que xa solicitou unha reunión urxente coa Comisaria de Transporte e o Comisario de Medio Ambiente e de Pesca para avaliar a situación, así como que se trate de forma urxente nas comisións de Pesca, de Medio Ambiente e de Transporte do Parlamento Europeo. Igualmente, Ana Miranda salientou que xa solicitou un debate na sesións plenaria da Eurocámara que terá lugar a vindeira semana en Estrasburgo e xa se dirixiu á Organización Marítima Internacional (OMI) e a Axencia Europea de Seguridade Marítima para saber cando se comunicou exactamente o accidente.
Bandeiras de conveniencia
O Bloque no Parlamento Europeo tamén reclamou a urxente inclusión do Corredor de Fisterra como zona altamente sensible para a OMI. “Isto axudaría a establecer normas máis estritas e garantir unha maior responsabilidade por parte dos operadores de embarcacións e do control do tráfico marítimo, contribuíndo así á protección a longo prazo do noso entorno mariño”, subliña Ana Miranda ao respecto, ao tempo que solicitou á Comisión que haxa unha avaliación económica das consecuencias medioambientais. “Se se activa o nivel 2 e se comproba o dano que estes pelets poidan causar, o Estado podería solicitar en Bruxelas o fondo de solidariedade”, engade.
Por outra banda, como poñente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre as bandeiras de conveniencia, Ana Miranda lembrou que este verquido de pelets implica un barco de bandeira de conveniencia, de Liberia, o que suscita cuestionamentos sobre a regulación e supervisión das actividades de transporte marítimo actualmente en revisión. “A elección de bandeiras de conveniencia adoita asociarse con prácticas menos estritas e controis de seguridade laxos, o que podería ter contribuído á magnitude deste desastre medioambiental”, sinala a eurodeputada, que indica que actualmente estase modifica a Directiva 2009/21/CE, posta en marcha tras o accidente do Prestige. Ademais, Miranda tamén insta a que se considere urxente a aprobación e entrada en vigor da revisión do paquete de seguridade marítima da Unión Europea e a revisión do Convenio MARPOL 73/78 da Organización Marítima Internacional (OMI), incluíndo tamén a eliminación da contaminación procedente de microplásticos a partir de contedores.
Neste sentido, a eurodeputada do Bloque acadou o pasado mes de novembro a aprobación dunha emenda ao informe sobre contaminación mariña que implica a publicación dos datos disgregados por data e Estado Membro sobre os vertidos detectados mediante o sistema CleanSeaNet, un sistema da Axenda da Seguridade Marítima Europea (EMSA). Este informe supón a modificación da Directiva 2005/35/CE relativa á contaminación procedente de buques e a introdución de sancións, incluídas sancións penais, para as infraccións de contaminación.
Falta de información
Para a eurodeputada nacionalista “é terriblemente preocupante a falta de información inicial sobre o accidente e as súas consecuencias, así como o retraso na comunicación da información por parte do Goberno galego respecto a este accidente medioambiental ás localidades afectadas, con total falta de transparencia”, tendo en conta que a normativa europea en materia de contaminación por buques, aprobada despois do Prestige, “di que debe informarse e actuar inmediatamente”.
“Ademais de preocupante é irresponsable que desde que se coñeceu o accidente o 8 de decembro, o Goberno non activou o Plan Anticontaminación que esixe a normativa europea, aprobado despois do accidente do Prestige e actualmente en revisión no Parlamento Europeo e o Consello”, subliñou a eurodeputada do Bloque, que considerou que a rapidez na resposta é crucial para minimizar os danos e garantir unha recuperación eficiente, “que non se fixo”, e que provocou a expansión incontrolada dos pelets pola costa afectada.
Pola contra, segundo denunciou Miranda, os Concellos afectados séntense abandonados polo goberno galego en mans do Partido Popular, por ter que realizar en solitario as tarefas de limpeza “e están desbordados”. “Estase producindo, novamente, como hai 21 anos no accidente do Prestige, mobilización de voluntariado cidadá, colectivos ecoloxistas cos seus propios medios e recursos”, indicou, dedicando unhas verbas de solidariedade aos Concellos afectados e amosando os escurridores empregados para peneirar a area e apartar as boliñas. Departamento de comunicación